A publicación toma como punto de partida a concepción da paisaxe recollida na Convención Europea da Paisaxe de 2000 e aborda a súa relación coa construción das identidades territoriais, as expresións artísticas e literarias, as políticas rexionais e a conservación do patrimonio natural e cultural. Os diferentes estudos analizan a evolución histórica das paisaxes galegas e bretonas, as súas representacións nas artes plásticas e na literatura —incluída a literatura infantil e xuvenil—, así como os procesos sociais que interveñen na súa percepción e transformación.
O libro estrutúrase en tres grandes bloques: as identidades paisaxísticas dos dous finisterres europeos; as artes e as representacións das paisaxes; e a presenza de Galicia e Bretaña na literatura infantil e xuvenil. Entre as contribucións figuran traballos de especialistas como Ramón Villares, Augusto Pérez Alberti, Rebeca Blanco-Rotea, María López Sández, Christine Ferlampin-Acher e a propia Christine Rivalan Guégo, entre outros.



