O acordo establece un marco de cooperación que permitirá impulsar actividades conxuntas, promover proxectos de investigación sobre a cultura, a historia e a lingua galegas, intercambiar publicacións e documentación científica e desenvolver edicións compartidas de carácter científico e divulgativo. O protocolo terá unha vixencia inicial de tres anos e contempla a creación dunha comisión paritaria de seguimento para coordinar e validar o plan anual de actividades.
A axenda institucional inclúe tamén a participación de Dolores Vilavedra na iniciativa “13 autoras galegas + 13 autoras lusófonas en diálogo”, unha exposición organizada pola Cátedra de Estudos Galegos da Facultade de Letras da Universidade de Lisboa, en colaboración coa Biblioteca da FLUL, o Centro de Estudos Clásicos de Lisboa e o Consello da Cultura Galega, e que conta co patrocinio de ABANCA Portugal.
A mostra establece un diálogo entre trece escritoras galegas e trece autoras de distintos espazos da lusofonía: Portugal, Brasil, África e Asia. Articulada arredor da figura de Rosalía de Castro, a exposición permite dar protagonismo á literatura galega e amosar a diversidade e a potencia da escrita feminina desde finais do século XIX ata a actualidade.
A selección abrangue distintos xéneros literarios, como a poesía, o ensaio, a narrativa e o teatro, e incorpora unha importante actualización bibliográfica do Fondo Galego da Biblioteca da FLUL, con novas adquisicións de obras publicadas por mulleres, na súa maioría vivas.
Entre as autoras representadas figuran escritoras comprometidas coa defensa da xustiza e dos dereitos cívicos, como Vimala Devi, Pilar Pallarés, Maria Archer e María Reimóndez, así como nomes fundamentais da historia das reivindicacións feministas, entre eles a galega María Xosé Queizán e as portuguesas Ana Isabel Barreno e Ana de Castro Osório. A mostra tamén recupera voces que denunciaron a dobre opresión das mulleres na historia da hexemonía masculina e dos imperialismos europeos.
A iniciativa dá continuidade ao traballo desenvolvido pola Cátedra de Estudos Galegos arredor da autoría feminina e enlaza co curso «Autoria feminina em Portugal e na Galiza antes de 1900: modelos clássicos e estratégias de divulgação», impartido o pasado mes de xullo na Escola de Verán da Facultade de Letras. A actividade, coorganizada co Centro de Estudos Clásicos e que contou co apoio do Consello da Cultura Galega, abordou os modelos clásicos e as estratexias de divulgación das escritoras galegas e portuguesas anteriores ao século XX.
O diálogo entre estas literaturas enmárcase tamén nun contexto de crecente interintelixibilidade entre o galego e as variedades do portugués faladas en Brasil e nos países africanos lusófonos. Os novos modos de comunicación favorecen unha experiencia de entendemento compartido que se amplía co intercambio cultural e co coñecemento mutuo. Neste sentido, a mostra contribúe a visibilizar os vínculos lingüísticos e literarios entre Galicia e os distintos territorios da lusofonía, así como a diversidade das súas expresións culturais.
A presidenta do CCG será a encargada de pechar a iniciativa cunha conferencia titulada “A escrita literaria galega de autoría feminina”, na que abordará a contribución das escritoras á configuración da literatura galega e a súa relevancia na historia cultural e nas reivindicacións feministas.


