O encontro estaba destinado a coñecer de primeira man as necesidades dos fogares para desenvolver a crianza e a socialización en galego. A iniciativa contou tamén coa participación de representantes políticos e persoal técnico de normalización lingüística dos concellos da Coruña, Ames, Carballo, Carnota, Val do Dubra, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois e Santiago de Compostela.
Nel, analizouse a dispoñibilidade de produtos, contidos e servizos en galego nos distintos ámbitos da vida familiar, identificar as dificultades que atopan as familias no seu día a día e recoñecer iniciativas e boas prácticas que favorecen o uso da lingua propia. A partir de exemplos concretos de marcas, produtos e situacións habituais, as persoas participantes compartiron experiencias e formularon propostas para ampliar as posibilidades de criar e vivir en galego.
A continuación, as familias distribuíronse en catro mesas de traballo para analizar a presenza do galego en diferentes ámbitos da vida cotiá. Unha delas centrouse nas pantallas, os medios e os referentes, con atención ás plataformas audiovisuais, o cinema, a televisión, os pódcast, a prensa, a música e a creación de contidos. Outra abordou a lectura e o xogo, desde os libros, o cómic e os audiolibros ata os xogos de mesa, os xoguetes, os videoxogos e as aplicacións. A terceira mesa tratou a presenza da lingua nas compras e nos servizos, incluíndo a alimentación e a etiquetaxe, o comercio, os produtos infantís, a banca, a telefonía e a configuración dos dispositivos. Por último, a cuarta centrouse nas posibilidades de empregar o galego no lecer fóra da casa, nas actividades extraescolares, os deportes, os campamentos, os aniversarios, a restauración, os museos e os parques de lecer.
A xornada partiu dun traballo previo realizado polas vinte familias participantes nos seus propios fogares, coa axuda do caderno Vivir en galego en familia. Neste documento recolleron as principais dificultades para empregar o galego, as boas prácticas que atopan no mercado e mensaxes e propostas dirixidas ao sector empresarial. Este material serviu de base para o intercambio de experiencias e o debate nas mesas de traballo. Para incorporar unha maior diversidade de perspectivas, as persoas participantes que asistiron en parella distribuíronse en grupos diferentes. A sesión rematou cunha posta en común e un debate plenario no que se identificaron e priorizaron as necesidades e propostas consideradas máis urxentes.
A información recollida constituirá un punto de partida para que o Consello da Cultura Galega, a través do Observatorio da Cultura Galega, deseñe un estudo cuantitativo de maior alcance. Ademais, as conclusións da xornada permitirán trasladar demandas e propostas concretas ao sector empresarial e produtor, co obxectivo de contribuír a unha oferta máis ampla e accesible en lingua galega.
Este encontro forma parte das actividades deseadas entre o CCG e Alingua no marco dun convenio asinado o pasado mes de outubro entre ambas as dúas entidades. Tivo lugar o sábado 7 de novembro na Casa das Asociacións de Santiago de Compostela. Durante toda a xornada habilitouse unha ludoteca con actividades de lecer atendidas por monitoras, co propósito de facilitar a participación e a conciliación das familias. Ao mesmo tempo, as vinte crianzas participantes, de entre 2 e 8 anos, dispuxeron dun espazo propio para compartir xogos e experiencias e favorecer tamén a socialización en galego.





