----

Artistas e especialistas analizan nunha xornada a evolución da performance galega

O corpo entendido como ferramenta de creación, como espazo de experimentación e como vehículo de reflexión e reivindicación. Sobre estas premisas constrúese “Sacar o corpo. A performance galega”, a xornada que a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este xoves (12 de novembro, 16:45 horas) baixo a coordinación de Edu Valiña. A proposta busca achegarse á evolución desta disciplina, con especial atención ao caso galego, da man de figuras de referencia nesta disciplina como a madrileña Nieves Correa ou as galegas María Rojas, Ana Gesto, Mónica Maneiro. A sesión é presencial pero pode seguirse en directo desde a canle de YouTube do CCG.

A performance e o accionismo consolidáronse no panorama da arte contemporánea galega especialmente arredor do cambio de século, cando diferentes creadoras e creadores comezaron a explorar novas formas de expresión, frecuentemente vinculadas á experimentación e á crítica social. A identidade cultural, o territorio, a memoria histórica, o xénero ou as relacións de poder son algunhas das cuestións que atravesan estas propostas, desenvolvidas moitas veces á marxe dos circuítos expositivos convencionais e que atoparon novas canles de exhibición nos espazos urbanos e naturais. A creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra contribuíu á formación e ao desenvolvemento de propostas específicas nesta disciplina, favorecendo a aparición de festivais, exposicións e iniciativas que contribuíron á súa incorporación aos discursos da arte contemporánea.
A sesión comezará coa artista Nieves Correa (Madrid, 1960), que ofrecerá a conferencia titulada “Alice's Adventures in Wonderland: Unha viaxe iniciática a través da arte de acción, a performance e as artes vivas”. Esta artista multidisciplinar, utiliza o corpo e a súa presenza como ferramentas de creación e desenvolve accións nas que a relación entre corpo, espazo, tempo, materiais e audiencia resulta fundamental. A súa práctica esténdese tamén á instalación, a arte pública, a videocreación e a arte electrónica.
De seguido interveñen tres galegas moi vencelladas a este ámbito. Ana Gesto (Santiago de Compostela, 1978), performer e artista visual formada en Belas Artes na Universidade de Vigo e na Universidade de San Carlos de Valencia, onde estudou performance con Bartolomé Ferrando. Formou parte do grupo de investigación «Resistencia e Materialización» da Universidade de Vigo e desenvolveu unha ampla actividade artística e pedagóxica, con participación en festivais, encontros e exposicións nacionais e internacionais. A súa obra traballa sobre prácticas culturais e sociais de forte carácter identitario, nas que o proceso creativo se resolve a través da presenza, o espazo, a materialidade dos obxectos e o son. A escultura, a experimentación acústica e a transformación de obxectos con valor simbólico son elementos recorrentes nas súas accións, nas que tamén incorpora a natureza do espazo e a interacción co público.
Andrea Mosquera (Ourense, 1994), graduada en Belas Artes, cuxo traballo se desenvolve na combinación de diferentes medios, como a fotografía, a escultura, a instalación e a performance. A súa práctica artística investiga, de maneira intuitiva, cuestións como os conceptos de habitar e deshabitar, a acción do ser humano sobre o medio, as relacións persoais e impersoais e o paso do tempo. Nos últimos anos participou en diversas exposicións colectivas, entre elas “Nomes propios” (2020), “Tantas imaxes” (2021), “Destecer o sentido. Prácticas e textos na nosa arte actual” (2022) e “Ausencias, esencias, presencias. Diálogos a través dunha reflexión sobre o corpo” (2022).

Pola súa banda, María Roja abordará a súa propia traxectoria artística a través dunha selección de pezas que permiten percorrer as diferentes etapas da súa carreira e as transformacións da súa linguaxe performativa. A artista explica que o corpo constitúe o eixo principal do seu traballo, entendido como “receptáculo do íntimo”, pero tamén como unha posibilidade de subverter politicamente a presenza e a ocupación do espazo público. O percorrido permitirá achegarse aos seus primeiros traballos, á incorporación de referencias á memoria cultural galega, á experimentación e ás colaboracións desenvolvidas con diferentes colectivos e compañeiras da escena performativa.

A sesión contará tamén coa participación de Mónica Maneiro (Santiago de Compostela, 1976), directora artística da Fundación DIDAC, comisaria e xestora cultural. Codirixe Plataforma, Festival de Artes Performativas, unha iniciativa de referencia para a difusión e o impulso das artes vivas, que conecta as prácticas performativas coas artes visuais, a literatura, o deseño e a música.

A sesión pecha cunha perfomance a cargo de María Roja. Baixo o título “Pronóstico reservado”, unha peza creada expresamente para esta xornada e concibida como unha síntese da súa maneira de traballar, na que incorpora a colaboración directa e indirecta doutras performers galegas que a acompañaron ao longo da súa carreira. A obra pon o foco na vulnerabilidade do corpo e na súa condición de corpo traballador, e conecta esta reflexión coas loitas e protestas que se están a desenvolver en distintos lugares de Europa e coas mobilizacións que teñen como escenario a praza do Obradoiro. A proposta formula así unha lectura política do corpo, da súa fraxilidade e da súa capacidade para converterse nun espazo de resistencia..