----

Unha xornada reivindica o papel da performance na transformación das institucións culturais

A performance naceu para moitas das súas protagonistas sen sequera saber que estaban facendo performance. Facían "cousas moi raras", como lembrou a artista Nieves Correa, nun contexto no que estas prácticas apenas tiñan recoñecemento institucional nin espazos propios. Desde aquelas primeiras experiencias ata os actuais debates sobre a súa presenza nos museos e nas institucións culturais, a xornada "Sacar o corpo. A performance galega", celebrada polo Consello da Cultura Galega (CCG), propuxo un percorrido pola historia, as transformacións e os desafíos das artes de acción. A cita, organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, coordinada por Paula Cabaleiro, reuniu as reflexións de Nieves Correa, Ana Gesto, Andrea Mosquera, María Roja e Mónica Maneiro, baixo a coordinación de Eduardo Valiña.

A artista Nieves Correa (Madrid, 1960) abriu as intervencións cun percorrido que definiu como "sentimental", porque así é tamén a súa relación coas artes vivas. A súa memoria levou ás primeiras experiencias nas que un grupo de artistas desenvolvía propostas sen ter necesariamente conciencia de que estaba facendo performance. Un momento de descubrimento que situou na exposición "Fuera de formato", na que, segundo explicou, chegaron a recoñecerse por completo. "A primeira palabra que xorde é ACCIÓN", sinalou para resumir unha práctica que daquela buscaba novas maneiras de crear e de relacionarse coa arte.

Correa lembrou tamén a importancia de coñecer outras formas de produción e organización fóra de España, que permitían desenvolver proxectos á marxe dunha institución que describiu como moi ríxida. Naqueles anos existía un contacto interxeracional entre artistas que compartían recursos e condicións, pero sen diferenzas significativas no recoñecemento institucional: "Estabamos todos nas cloacas", afirmou. Desde esa experiencia, formulou algunhas das cuestións que seguen atravesando a disciplina: como evitar converter a performance nun espectáculo máis dentro da sociedade do espectáculo? Como construír estruturas independentes e sostibles cando están permanentemente "na corda frouxa"? A artista reivindicou tamén a necesidade de escribir a propia historia: "Se esperamos a que a historia se escriba despois, non a vai escribir ninguén". E advertiu das limitacións dos formatos convencionais, como os festivais, condicionados por un lugar e un tempo determinados.
A intervención de Ana Gesto (Santiago de Compostela, 1978) permitiu achegarse á relación entre a performance, o obxecto e a dimensión escultórica. A artista explicou que realizou a súa primeira acción sen saber que estaba facendo performance e que a súa práctica se constrúe a partir dos materiais e dos elementos que ten próximos. "Non me atrevo a traballar con algo que non está preto de min", sinalou para explicar unha forma de creación moi vinculada á experiencia e ao contexto inmediato. Unha das ideas centrais da súa intervención foi a relación co público, ao que non considera un mero espectador: "O público performa comigo". Para Gesto, a peza non existe de maneira independente do lugar no que acontece nin das persoas que participan nela; é a interacción entre estes elementos a que a fai posible.

Pola súa banda, Andrea Mosquera (Ourense, 1994) abordou a relación entre a creación artística, o espazo e a memoria. "Habito o espazo abandonado e recollo a súa memoria", explicou para describir unha práctica que parte da observación dos lugares e das pegadas que neles deixa o paso do tempo e a actividade humana. A artista puxo tamén o acento na importancia de contar con estruturas que permitan desenvolver este tipo de traballos, especialmente os programas de residencias artísticas, fundamentais para ofrecer tempo, espazo e condicións de experimentación ás prácticas performativas.

María Roja repasou a súa chegada á performance, que definiu como froito da casualidade e do contexto académico no que se formou. Tamén lembrou a estrañeza que xeraban aquelas primeiras propostas, cando recibían preguntas como "por que facedes cousas tan raras?". Desde a súa experiencia, destacou a importancia do contexto na recepción das accións artísticas: unha mesma peza pode ser interpretada e recibida de maneiras completamente diferentes dependendo do lugar no que se presenta e do público que a acompaña. A súa intervención permitiu así reflexionar sobre o carácter situado e irrepetible da performance, unha práctica que se transforma en cada encontro.

A xornada contou tamén coa achega de Mónica Maneiro, que centrou a súa intervención na relación entre as artes vivas e as institucións culturais. A súa reflexión partiu da necesidade de utilizar os espazos institucionais para facer visible a propia cuestión da institucionalización da performance e de atopar lugares que poidan ser ocupados e transformados. "Desde as artes vivas pódese axudar a que as institucións culturais sexan diferentes", apuntou. Maneiro destacou a capacidade crítica que a performance activa no público, que deixa de ocupar unha posición pasiva para formar parte da propia obra. O desafío, defendeu, non consiste simplemente en escapar das institucións, senón en contribuír á creación doutras novas, capaces de establecer relacións sociais e asumir un compromiso público.

As diferentes intervencións coincidiron en poñer de manifesto a necesidade de contar con espazos, recursos e estruturas estables para a creación, a investigación, a exhibición e a conservación das prácticas performativas. Desde as primeiras experiencias desenvolvidas á marxe dos circuítos oficiais ata os actuais debates sobre a súa incorporación aos museos e ás institucións culturais, a xornada permitiu observar como a performance foi construíndo o seu propio territorio artístico e como segue cuestionando os límites entre obra, artista, espazo e público.

A sesión pechouse cunha performance de María Roja, que presentou "Pronóstico reservado", unha peza creada expresamente para a ocasión. A proposta aborda a vulnerabilidade do corpo e a súa condición de corpo traballador, incorporando colaboracións directas e indirectas doutras performers galegas que acompañaron a artista ao longo da súa traxectoria. A obra conecta esta reflexión coa actualidade das loitas e protestas sociais en Europa e coas mobilizacións na praza do Obradoiro, achegando unha dimensión política á presenza do corpo no espazo público.