NOTICIA

----

Especialistas abordan a importancia da interdisciplinidade nas intervencións dos bens culturais

A segunda sesión do foro de debate “Intervir no patrimonio edificado, incorporar o pasado ao futuro” que organiza A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) busca este luns (16 de novembro, a partir das 9:30 horas) reflexionar sobre os criterios, as metodoloxías e os retos que presenta a conservación, restauración e rehabilitación dos bens arquitectónicos. Nesta ocasión, da man dunha ducia de especialistas, pon o foco en mecanismos como a multidisciplinariedade ou a transdisciplinariedade para analizar como avanzar na mellora da conservación e rehabilitación do patrimonio construído. A sesión coordinada por Carlos Amoedo, Rosa Benavides, Rebeca Blanco-Rotea e Teresa Nieto é presencial pero pode seguirse en directo desde o web do CCG e a canle de YouTube.

A xornada comeza coa conferencia marco “Interdisciplinariedade e transdisciplinariedade: o risco dos discursos retóricos”, a cargo de Agustín Azkarate Garai-Olaun, catedrático de Arqueoloxía da Universidade do País Vasco (EHU). A partir da experiencia da Catedral de Santa María de Vitoria-Gasteiz, na que participou un equipo complexo de profesionais de distintas especialidades, analizará as posibilidades e dificultades reais do traballo colaborativo nunha intervención patrimonial. A súa traxectoria investigadora, centrada na arqueoloxía da arquitectura e na análise histórica dos edificios, ofrece un exemplo especialmente relevante da necesidade de integrar diferentes disciplinas para comprender os bens patrimoniais antes de intervir neles.

Ás 11:15 horas, a coordinación do foro presentará unha aproximación ao estado da cuestión das disciplinas do patrimonio cultural en Galicia, baixo o título “As disciplinas do patrimonio cultural en Galicia: estado da cuestión”. Esta intervención permitirá contextualizar o panorama profesional e académico galego e introducir os principais desafíos que presenta a integración dos diferentes saberes nos proxectos de intervención.


A continuación, desenvolverase a mesa temática “A formación dos e das profesionais da restauración e rehabilitación do patrimonio edificado”, na que participarán cinco especialistas que achegarán perspectivas complementarias sobre os coñecementos necesarios para intervir no patrimonio construído. Octavio Vázquez Corredoira, arquitecto de Paudepedra, achegará a perspectiva do exercicio e da formación dos profesionais que interveñen na execución das obras coa súa experiencia nas técnicas tradicionais, nas novas tecnoloxías e a súa relación co deseño. Mario César Vila, arqueólogo e docente do Máster Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, trasladará a importancia da investigación arqueolóxica para interpretar as fases históricas e as transformacións dos edificios. Luz Paz Agras, arquitecta e investigadora do Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio da UDC, traballa nas estratexias arquitectónicas para a preservación e activación do patrimonio e na relación entre arquitectura, arte e paisaxe.

Pola súa banda, Andrea Fernández Arcos, conservadora-restauradora e directora da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, achegará a perspectiva da conservación-restauración e a importancia da formación especializada nos criterios e metodoloxías de intervención que se imparte nese centro. Completa a mesa Victoriano Nodar, historiador da arte e integrante do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Protección do Patrimonio Cultural das universidades galegas, cuxa investigación sobre a escultura e a iconografía medieval, especialmente a vinculada á catedral de Santiago, contribúe a comprender os valores históricos e artísticos que deben orientar calquera intervención.

A sesión da tarde estará dedicada a unha mesa de debate que permitirá contrastar as perspectivas dos diferentes organismos e entidades implicados na intervención sobre o patrimonio edificado. Participan Rubén Álvarez Asorey, arqueólogo e xefe do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, que achegará a perspectiva da Administración responsable da tutela e autorización das intervencións; David Barreiro, arqueólogo e xefe da Unidade de Valoración do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC), que traballa na análise dos procesos de valorización do patrimonio cultural, na súa relación coa memoria social e na participación das comunidades na súa xestión; e José Antonio Vázquez Rodríguez, vinculado ao Máster Universitario en Rehabilitación Arquitectónica da Universidade da Coruña, que incorporará a dimensión tecnolóxica ao debate a través do seu traballo en metodoloxías BIM, deseño paramétrico e fabricación dixital, ferramentas con aplicación na documentación e planificación dos proxectos arquitectónicos.

Tamén participará Luciano González Alfaya, decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que trasladará a visión do colectivo profesional e os retos que afronta a arquitectura na transformación e recuperación dos espazos construídos. Pola súa banda, Ángel Panero, do Consorcio de Santiago, achegará a experiencia acumulada no proceso de recuperación da cidade histórica compostelá, un traballo continuado que combina rehabilitación arquitectónica, habitabilidade, mantemento e sustentabilidade, ademáis de formación. Finalmente, Eduardo Breogán Nieto Muñiz, da Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA), incorporará a perspectiva da arqueoloxía profesional e da súa integración nos proxectos de intervención, así como a importancia de combinar diferentes técnicas de investigación para coñecer a evolución histórica dos edificios.

Un foro para avanzar na protección do patrimonio edificado
O encontro dá continuidade aos asuntos abordados na primeira sesión celebrada o pasado 9 de novembro, na que se destacou a importancia de coñecer rigorosamente os edificios, identificar os seus valores materiais e inmateriais. Estes elementos considéranse fundamentais para garantir intervencións respectuosas coa historia dos bens culturais e, ao mesmo tempo, capaces de responder ás necesidades e usos actuais.

O foro concluirá o vindeiro 23 de novembro cunha terceira xornada centrada na regulación das intervencións sobre o patrimonio edificado de Galicia, que permitirá completar o debate arredor dos criterios técnicos, profesionais e normativos que deben orientar a súa conservación e transformación.