NOTICIA

----

A formación e a colaboración entre profesionais, clave para mellorar as intervencións no patrimonio edificado

A formación especializada e a colaboración efectiva entre as distintas disciplinas que interveñen no patrimonio edificado son dous dos grandes retos para avanzar cara a intervencións máis completas, rigorosas e respectuosas coa historia dos edificios. Esta foi unha das principais reflexións da segunda xornada do foro "Intervir no patrimonio edificado, incorporar o pasado ao futuro", organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), que reuniu profesionais de diferentes ámbitos para abordar a integración dos coñecementos e das competencias de cada especialidade ao longo de todo o proceso de intervención. A presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, salientou na apertura a complexidade que supón avanzar cara a unha verdadeira cultura de traballo compartido. "Non chega con sumar axentes de distintos ámbitos, senón que o que se require é unha maneira de pensar, de enfocar os problemas, transdisciplinar", apuntou.

O foro está coordinado por Carlos Amoedo Souto, Rosa Benavides, Teresa Nieto e Rebeca Blanco-Rotea. Estas dúas últimas incidiron na inauguración da sesión, na necesidade de contar con profesionais cualificados, equipos capaces de abordar colectivamente os problemas de cada edificio e marcos formativos que permitan escoitar e incorporar as achegas das distintas disciplinas. Tamén destacaron a importancia de dispoñer de tempo e recursos para facer posible esa colaboración.

A conferencia inaugural correu a cargo de Agustín Azkarate Garai-Olaun, catedrático de Arqueoloxía da Universidade do País Vasco (EHU), quen propuxo unha reflexión crítica sobre o uso dos conceptos de interdisciplinariedade e transdisciplinariedade e a súa aplicación real nas intervencións patrimoniais. A partir dun percorrido pola evolución dos criterios de restauración desde o século XIX, Azkarate defendeu a necesidade de superar as etiquetas e centrarse nos problemas concretos, nos acordos entre profesionais e na capacidade de tomar decisións compartidas.

"Calquera intervención no patrimonio edificado é un proceso de coñecemento", subliñou. Exemplificouno co traballo desenvolvido na catedral de Vitoria, no que o edificio se aborda como sistema, documento histórico e obxecto pluristratificado. Tamén reivindicou proxectos con obxectivos consensuados, gobernanza compartida e compromiso social, apelando á flexibilidade e á humildade no traballo dos equipos.

A formación, unha condición para a colaboración profesional
Rebeca Blanco abriu o debte sobre a formación cun relatorio-marco titulado "As disciplinas do patrimonio cultural en Galicia: estado da cuestión", no que retomou a preocupación pola formación dos profesionais, xa abordada no foro "Patrimonio e Sociedade" do CCG (2019-2021). Blanco defendeu que coñecer un edificio é tamén decidir sobre el e que os proxectos deben permitir que arquitectos, arqueólogos, conservadores-restauradores e historiadores da arte compartan preguntas e contrasten resultados. "A colaboración real comeza cando compartimos as preguntas e aceptamos que os resultados dunha disciplina poden modificar as decisións doutra", sinalou. Tamén chamou a atención sobre a descontinuidade formativa e a falta de formación universitaria especializada en Galicia, e puxo como exemplo o convento de Santa Clara de Pontevedra para destacar a importancia de investigar antes de intervir e sinalou que foi necesario formar profesionais para traballar no estudo do edificio.

A sesión continuou cunha mesa sobre "A formación dos e das profesionais da restauración e rehabilitación do patrimonio edificado", na que participaron Octavio Vázquez Corredoira, arquitecto de Paudepedra; Mario César Vila, arqueólogo e docente do Máster Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade; Luz Paz Agras, arquitecta e coordinadora do Máster Universitario en Rehabilitación Arquitectónica da UDC; Andrea Fernández Arcos, conservadora-restauradora e directora da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia; e Victoriano Nodar, historiador da arte.

As intervencións abordaron a relación entre formación teórica e experiencia práctica, a transmisión dos oficios e as competencias necesarias para traballar en equipo. Octavio Vázquez Corredoira reivindicou a aprendizaxe directa dos canteiros e a transmisión dos saberes tradicionais. Mario César Vila destacou a importancia da formación práctica, a capacidade crítica, a adaptación e o traballo colaborativo. Luz Paz Agras explicou o enfoque interdisciplinar do MURA e chamou a atención sobre a crise dos oficios. Andrea Fernández Arcos defendeu a formación de especialistas sólidos no seu ámbito, pero tamén capaces de recoñecer os seus límites e colaborar con outros profesionais. Victoriano Nodar, pola súa banda, incidiu na necesidade de estudos histórico-artísticos útiles para resolver problemas reais de conservación e na importancia da experiencia adquirida na práctica profesional.

Cara a equipos integrados desde o inicio dos proxectos
A sesión da tarde reuniu representantes da Administración, a investigación, a universidade e os colectivos profesionais para abordar os procesos de traballo nas intervencións sobre o patrimonio edificado. Abriu Rubén Álvarez Asorey, arquitecto da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, destacou o papel da arqueoloxía para coñecer a evolución dos edificios e a necesidade de realizar estudos previos. Tamén defendeu equipos con perfís profesionais máis diversos e puxo como exemplo a Muralla de Lugo. David Barreiro, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC), apuntou a necesidade de abrir este debate á sociedade.

José Antonio Vázquez Rodríguez, do Máster Universitario en Rehabilitación Arquitectónica da UDC, centrouse nas posibilidades do BIM para compartir e integrar información. Defendeu que os proxectos deben partir dunha base común de coñecemento, definida desde o inicio, e que as ferramentas tecnolóxicas deben facilitar o intercambio entre disciplinas. "Non é unha cuestión de ferramenta, senón de vontade de poder traballar xuntos", concluíu.

Luciano González Alfaya, decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, incidiu en que a transdisciplinariedade non debe ser unha suma de sinaturas, senón un proceso no que os distintos coñecementos se integren antes de definir o proxecto. Sinalou como principais dificultades os procesos de contratación, a falta de recoñecemento da fase de coñecemento previo e a necesidade de contar con equipos que poidan tomar decisións conxuntas durante a obra.

Como vías de avance, propuxo equipos integrados desde o inicio, unha fase de estudo financiada e recoñecida e mecanismos de decisión compartida durante toda a intervención. Tamén defendeu a incorporación de profesionais novos e reivindicou o papel do COAG na defensa do patrimonio desde 1973.

Completaron a mesa Ángel Panero, en representación do Consorcio de Santiago, e Eduardo Breogán Nieto Muñiz, da Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA).

O foro

O foro pecharase o 16 de novembro cunha última sesión dedicada a "A regulación das intervencións sobre o patrimonio edificado de Galicia. Entre as regras legais e a aplicación discrecional", na que se abordará o marco normativo que condiciona estas actuacións e a súa aplicación práctica. As reflexións e conclusións das distintas sesións servirán de base para elaborar un documento final que recolla os principais resultados do foro e contribúa ao debate sobre como mellorar as intervencións no patrimonio edificado galego.