Poeta, narrador e ensaísta, desenvolveu unha obra de grande personalidade e riqueza simbólica, marcada pola experimentación formal, a densidade lingüística e a mestura de elementos míticos, históricos, políticos e existenciais. Desde os seus primeiros libros, contribuíu á modernización da literatura galega e á súa conexión con outras tradicións culturais e literarias, cunha escrita que explora a identidade, a memoria, a liberdade e os conflitos individuais e colectivos. A súa renovación estilística formal marcou profundamente as novas xeracións. Entre a súa extensa produción destacan poemarios como Con pólvora e magnolias(1976), obra fundamental na renovación da poesía galega contemporánea, O fin dun canto (1982) ou Contra o maquieiro (2005), así como a súa achega á narrativa con títulos como Percival e outras historias (1958), O crepúsculo e as formigas (1961), Retorno a Tagen Ata (1971), Arraianos (1991) ou No ventre do silencio (1999). Recoñecido cos máis importantes premios literario e xornalísticos do país e presidente da Real Academia galega entre 2010 e 2013, foi tamén fundador e director da revista A Trabe de Ouro, referente do pensamento e do debate cultural galego.
Participou en diversas actividades da institución destinadas ao estudo e á revisión de figuras fundamentais da cultura galega, nomeadamente nos congresos dedicados a “Curros Enríquez e ao seu tempo”, celebrado en 2001 en Celanova, e no congreso internacional "Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía", que tivo lugar en 2010. Destacou tamén a súa participación no recital poético organizado polo Pen Club de Galicia na sede da institución en 2003 en que Ferrín compartiu espazo con dous premios Nobel de Literatura, Derek Walcott e Wole Soyinka, máis co poeta mexicano Homero Aridjis.











