Nado o 19 de novembro de 1926 en Bos Aires (Arxentina), Antonio Pérez Prado mantivo sempre un forte vínculo con Galicia, que sentiu como "patria de afirmación esencial", segundo sinala Afonso Vázquez-Monxardín na entrada do Álbum de Galicia. Durante a infancia regresou temporalmente á terra de orixe familiar, onde foi bautizado e permaneceu durante un curso escolar. De volta en Arxentina, medrou nun ambiente culturalmente diverso fondamente marcado pola súa ascendencia galega.
Na súa biografía destaca que se incorporou ao servizo militar na Armada en 1947, que lle permitiu trasladarse aos Estados Unidos, onde perfeccionou o inglés e desempeñou diversos traballos. Mesmo chegou a alistarse para a Guerra de Corea, aínda que, como relata Vázquez-Monxardín, fíxoo "para comer quente", sen intención real de participar no conflito. Co coñecemento do idioma, regresou a Arxentina onde comezou a traballar como tradutor de inglés nun Instituto de Neuroloxía situado xunto á Facultade de Medicina. E "case por aburrimento", di Monxardín, decidiu estudar Medicina, carreira que rematou en 1959. Esta foi a etapa na que entrou en contacto coa elite cultural da colectividade galega e, unha vez finalizados os estudos, incorporouse activamente á nacente Asociación Argentina de Hijos de Gallegos. En 1962 realizou unha nova viaxe a Galicia, mentres consolidaba a súa vinculación coas entidades e os círculos intelectuais da emigración.
Entre 1963 e 1968 ampliou a súa formación en Europa, grazas á concesión de varias bolsas que lle permitiron afondar nos estudos sobre o sangue. Ao remate desta etapa, en 1968, iniciou unha destacada carreira profesional no ámbito da hematoloxía en Arxentina. Desde o Comité Asesor de Inmunohematoloxía da Secretaría de Estado de Saúde Pública de desde país elaborou as primeiras normas para os servizos de hemoterapia.
Xunto coa súa actividade profesional, mantivo unha intensa dedicación á cultura galega e á vida da colectividade emigrante. Unha das súas achegas máis destacadas foi a recuperación da memoria da emigración e do exilio a través de Los Gallegos en la Argentina, obra na que ofreceu unha interpretación histórica e sociolóxica da presenza galega no país, afastada de tópicos e lugares comúns. Tamén participou na elaboración do guión da película Castelao. Biografía de un ilustre gallego, en colaboración co cineasta Jorge Prelorán.
Tras a súa xubilación en 1992, intensificou a súa dedicación á difusión da cultura e da identidade galegas e iniciou unha etapa de frecuentes viaxes a Galicia. Destaca a acción xudicial que emprendeu en 1993 contra a editorial Planeta pola publicación dun libro de chistes que consideraba xenófobos e ofensivos para os galegos. A súa traxectoria e o seu labor de promoción de Galicia no exterior recibiron o recoñecemento do Pedrón de Honra en 1996.
O seu legado documental tamén está vinculado á memoria cultural galega. Por vontade do propio Pérez Prado, expresada ao seu amigo Francisco Fernández del Riego. Grazas á súa filla Aixa o conxunto da súa documentación consérvase na Fundación Penzol, en Vigo desde o ano 2002.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020, o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con 796 entradas, das cales as máis recentes son as de Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz, África Leira, Concha do Canizo, a entrada colectiva da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, Heidi Kühn-Bode ou Luisa Villaverde.
As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e constitúen unha fonte rigorosa para acceder á vida e á obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.



