A sesión comezará cunha conferencia maxistral de Leonardo Sánchez-Mesa Martínez, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Granada, especialista en Dereito da Cultura e Patrimonio Cultural. A súa intervención permitirá afondar na dimensión xurídica da protección patrimonial e nos retos que suscita a regulación das intervencións sobre os bens inmobles.
A continuación presentarase o traballo "A regulación en Galicia das intervencións sobre o patrimonio inmoble: estado da cuestión", coordinado no marco desta actividade. A análise completarase cunha mesa temática na que participarán Isabel Novo Castro, asesora xurídica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; Carlos Abuín Flores, letrado da Xunta de Galicia e especialista de sala; Juan Naveira Seoane, arquitecto e xefe do Servizo de Coordinación Cultural do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; María José Valenzuela Rodríguez, técnica de administración xeral da Administración local, e Lorena González García, arquitecta e integrante da Agrupación Galega de Arquitectas e Arquitectos nas Administracións Públicas (AGAAP-COAG).
A sesión da tarde estará dedicada ao diálogo entre as administracións, os organismos profesionais e o ámbito académico. Participarán Ángel Miramontes Carballada, director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; María Pierres, secretaria do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Manuel Freire Tellado, representante do Máster Universitario en Rehabilitación Arquitectónica da Universidade da Coruña; Alberto González Fernández, alcalde de Valdoviño e representante da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP); María Encarnación Rivas Díaz, directora xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, e Fernando Carrera Ramírez, da Asociación Profesional de Conservadores Restauradores de España (ACRE).
O encontro permitirá poñer en común as diferentes perspectivas sobre a regulación das intervencións, desde a tutela administrativa e a ordenación urbanística ata os criterios técnicos da arquitectura, a rehabilitación e a conservación-restauración. Un dos eixes do debate será a relación entre as prescricións legais e a súa aplicación concreta, así como a necesidade de contar con criterios claros e compartidos que garantan a calidade das actuacións sobre o patrimonio.
Fin dun foro
Coa sesión deste luns ponse o ramo a un foro de debate que adquire especial relevancia nun contexto no que distintas intervencións sobre o patrimonio galego, como as actuacións no castelo de Monterrei ou a polémica arredor das gárgolas do Hostal dos Reis Católicos, suscitaron un importante debate público sobre os criterios e as garantías que deben rexer este tipo de actuacións. Neste marco, as dúas primeiras sesións permitiron afondar en cuestións fundamentais para mellorar a calidade das intervencións. A primeira, celebrada o 9 de novembro, puxo de manifesto a necesidade de partir dun coñecemento rigoroso dos edificios, identificar os seus valores materiais e inmateriais e incorporar a colaboración entre profesionais de distintas disciplinas como condicións imprescindibles para garantir actuacións respectuosas coa historia e adaptadas ás necesidades actuais. A segunda, o 16 de novembro, centrouse nos procesos de traballo multidisciplinar e transdisciplinar e identificou a formación especializada e a colaboración efectiva entre as diferentes áreas de coñecemento como dous dos grandes retos para avanzar cara a intervencións máis completas, rigorosas e coherentes. A partir das reflexións e conclusións das tres sesións, a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG elaborará un documento que porá a disposición da cidadanía para contribuír ao coñecemento e ao debate sobre os criterios que deben orientar a intervención no patrimonio edificado de Galicia.



