Intervención de Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta. Na primeira fila, Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega.
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2009.- O Consello da Cultura Galega inaugurou o 15 de outubro en Londres as actividades que, por vez primeira, no curso 2009-2010, realizará conxuntamente co Instituto Europeo da London School of Economics and Political Science. Trátase de promover o coñecemento e a difusión da cultura galega no exterior. O acto inagural contou coa presenza de Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia e Presidente de Honor do Consello da Cultura; David Brighty, Chairman da Anglo-Spanish Cultural Foundation-Founder Vicente Cañada Blanch (London School); Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, e Paul Preston, Director do Cañada Blanch Centre for Contemporary Spanish Studies.
CATRO CONFERENCIAS
A conferencia inaugural deste primeiro ciclo de actividades, ao abeiro do convenio asinado o pasado 6 de maio, versou sobre “Galicia na política española actual” e foi pronunciada por Pedro Puy Fraga, profesor da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela e Deputado do Parlamento de Galicia.
O programa do curso inclúe outras tres conferencias.
3 de decembro, “Galicia-América: da emigración á inmigración”. Xosé Manoel Núñez Seixas, Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela.
25 de febreiro, “Galicia, un país pesqueiro”. Alfonso Paz-Andrade, ex Conselleiro –Delegado de Pescanova e Comisario das seis edicións da World Fisching Exhibition celebradas en Vigo.
20 de mayo, “Galicia e España: unha perspectiva desde o federalismo”. Ramón Máiz, Catedrático de Ciencia Política da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Plenario do Consello da Cultura Galega.
IMAXE POSITIVA DE GALICIA
O convenio asinado en maio entre o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e os rectores da Fundación Cañada Blanch (London School), David Brigthy e Paul Preston, ten como obxectivo a difusión da cultura de Galicia nun marco universitario de excelencia, especializado na formación de científicos sociais de todo o mundo. Trata tamén de contribuir a fixar unha imaxe positiva de Galicia no exterior, asociando o Consello da Cultura Galega ás actividades e á publicidade do Centro Cañada Blanch. Pretende asemade promover o coñecemento exterior de “scholars”, políticos e empresarios galegos e facilitar a presenza de investigadores procedentes das universidades galegas no Centro Cañada Blanch.
As actividades desenvolveranse baixo o formato da conferencia, seguida de debate e unha cea-coloquio en dependencias da London School.
DOUS PARCEIROS
A Anglo-Spanish Cultural Foundation, patrocinador do Cañada Blanch Center for Contemporary Spanish Studies, forma parte do Instituto Europeo da London School of Economics and Political Science, pertencente á Universidade de Londres. Promove a investigación e o ensino da historia contemporánea española, a súa economía, socioloxía e cultura.
O Consello da Cultura Galega é un organismo estatutario da Comunidade Autónoma de Galicia que ten entre as súas finalidades a promoción da cultura galega no exterior.

