
De esquerda a dereita Elías Torres, Ramón Villares, Carlos Quiroga e Carme Vilariño durante o acto da clausura
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2009.- “Un primeiro paso que ha ter continuidade”. Así se expresou Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, no acto de clausura do encontro “Estratexias de Galicia no Brasil”, celebrado durante tres días baixo a coordinación de Elías Torres Feijó. Tratábase de considerar posibilidades e iniciativas para unha maior presenza e visualización da cultura galega no Brasil en materia de artes plásticas, comunicación, audiovisual, literatura e música. A experiencia resultou positiva e hai vías para a coooperación bilateral, segundo o coordinador. As conclusións serán presentadas nos vindeiros días.
O encontro contou coa activa participación de oito convidados brasileiros e representantes de diferentes ámbitos da cultura galega, que reflexionaron sobre as accións ou liñas de traballo para a maior e mellor proxeción de Galicia no Brasil.
Falouse da necesidade de aproveitar algúns pasos xa dados desde os ámbitos editorial e audiovisual, de utilizar os recursos da Rede, de dar a coñecer Galicia como marca-país no espazo luso-brasileiro. “Hai vías para acometer esa tarefa desde a iniciativa institucional e pública e desde a iniciativa privada”, salientou Elías Torres Feijó.
Para o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, institución convocante do encontro, “este é un primeiro paso que vai ter continuidade como expresión dos nosos propósitos de interactuar no mundo luso-brasileiro”.

