Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2009.- A realidade do acordo bilateral entre Galicia e Brasil en materia de coprodución audiovisual deu motivo para reflexionar sobre outras posibilidades de cooperación, tamén no ámbito da comunicación, no encontro “Estratexias culturais de Galicia no Brasil”. As sesións, que se celebran no Consello da Cultura Galega, rematarán mañá con debates sobre a literatura e a música e un primeiro apuntamento das conclusións, segundo avanzou o coordinador, Elías Torres Feijóo.
O director-xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Ignacio Varela Ramos, destacou a importancia do acordo para a coprodución de longametraxes asinado coa Agencia Nacional do Cinema de Brasil (ANCINE), que xa cumpriu dous anos “e ten vocación de estabilidade”. Chamou a atención sobre o éxito da convocatoria do II Fondo de Axudas, con 160.000 euros destinados pola entidade galega, ao que concurriron nove proxectos (catro documentais e cinco longas de ficción). Os primeiros froitos desta iniciativa, absolutamente pioneira, son dúas coproducións que se atopan en fase de preprodución e que verán a luz a finais deste ano. Trátase de “O sexo dos anxos” e “Entre a dor e a nada”, produción maioritaria galega e brasileira, respectivamente.
O exemplo desta cooperación bilateral, que tamén puxeron en marcha editoras galegas e brasileiras, como recordou a representante da Asociación Galega de Editores, deu pé a consideracións sobre a posibilidade de intentar vías de cooperación no espazo da comunicación en xeral e da televisión en particular. Os enfoques primaron a necesidade de intentar a posta en marcha de accións directas e prácticas que permitan superar a imaxe, abondo confusa, que de Galicia hai no Brasil, derivada dunha presenza noticiosa moi ocasional e canalizada case exclusivamente polas axencias de noticias. Paralelamente foi tamén subliñada a importancia das “pequenas accións”, encontros e debates na procura de parceiros imprescindibles para abrir outras posibilidades de coooperación, coñecemento e intercambio.
Luiz Ruffato e Raúl Juste Lores foron os relatores principais no referido á Comunicación, mentras Tata Amaral e Claudiney Ferreira se ocuparon do Audiovisual. Na sesión do mércores 22, que será a derradeira do encontro, os debates centraranse na Literatura (Samuel León, L. Ruffato e Yara F. Vieira) e na Música (Roberto Lazarini e L. Ruffato).
Avanzaranse asemade as primeiras conclusións dun encontro pensado para propoñer accións e iniciativas concretas que fagan posible unha maior presenza e visualización da cultura galega no mundo brasileiro.
Ao igual que as dúas anteriores a derradeira sesión do encontro “Estratexias culturais de Galicia no Brasil” terá lugar na Biblioteca do Consello da Cultura Galega entre as 10 e as 14 horas.

