Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2009.- Ata o día 22 de xullo o Consello da Cultura Galega acolle e impulsa o encontro “Estratexias culturais de Galicia no Brasil”, coordinado polo profesor Elías Torres Feijó. “Trátase estreitar relacións e buscar unha maior presenza da cultura galega no Brasil”, explicou na sesión inaugural, Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura, que tamén lembrou a traxectoria histórica da vinculación entre Galicia e Brasil. Oito expertos en comunicación, artes plásticas, audiovisual, literatura e música participan no encontro.
O obxectivo do encontro “Estratexias culturais de Galicia no Brasil” é propoñer accións e iniciativas concretas para facer posible unha maior presenza e visualización da cultura galega no mundo brasileiro, potencia cultural coa que está ligada por razóns lingüísticas e culturais, alén dos fluxos migratorios, entre outros feitos. Para eso foron seleccionadas oito persoas, de diversos ámbitos da cultura do Brasil, na maior parte con coñecementos da cultura galega, para debater e elaborar conclusións prácticas sobre as posibilidades que a cultura galega, en todas as súas dimensións, pode ter de difundirse ou establecer estratexias conxuntas con parceiros do mundo brasileiro.
A primeira sesión estivo dedicada a analizar unha situación caracterizada por unha insuficiente presenza de Galicia, da súa lingua e da súa cultura, circunstancia que non resolveron positivamente as institucións españolas nin a actuación desenvolvida ata o momento pola Xunta de Galicia. Así o fixeron constar relatores como Antón Corbacho ou Raul Juste.
Nos debates posteriores serán consideradas propostas concretas nas áreas fixadas no programa do encontro: Artes plásticas (Agnaldo Farias); Comunicación (L. Ruffato, Raúl Juste Lores e Claudiney Ferreira); Audiovisual (Tata Amaral e Claudiney Ferreira); Literatura (Samuel León, L. Ruffato e Yara F. Vieira) e Música (Roberto Lazarini e L. Ruffato).
O Presidente da institución, Ramón Villares, salientou a importancia de ser este o primeiro debate programado con estes obxectivos. Lembrou tamén que, logo dos foros de debate realizados ao abeiro da conmemoración dos 25 anos do Consello da Cultura (1983-2008) un dos eixos de actuación institucional oriéntase ao mundo luso-brasileiro e aí debe figurar este encontro. Pola súa parte, o coordinador, Elías Torres Feijó, destacou a importrancia do feito de que desde o Consello da Cultura se reflexione en termos de obxectivos e estratexias.
As sesións teñen lugar na Biblioteca do Consello da Cultura Galega entre as 10 e as 14 horas.

