----

A difusión exterior de Galicia e a súa cultura centrarán tres mesas redondas organizadas polo Consello no Congreso da AIEG

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2009.- O Consello da Cultura Galega participará no IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que terá lugar do 13 ao 17 de xullo en Santiago, Vigo e A Coruña, coa organización de tres mesas redondas nas que se analizará desde distintas perspectivas a difusión exterior de Galicia e da súa cultura.

Ademais, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, será o encargado de pronunciar a conferencia plenaria de clausura no Paraninfo da Universidade da Coruña, titulada “Ramón Piñeiro e a cultura galega no exterior”. Será o venres 17 a partir das 16:30 horas.


A continuación Villares participará no acto de clausura, no que tamén está prevista a presenza de José María Barja, reitor da Universidade da Coruña; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e María Xosé Bravo, concelleira de Cultura da Coruña, así como o presidente da AIEG.

A primeira das mesas redondas organizadas polo Consello da Cultura Galega dentro deste congreso internacional da AIEG terá lugar o vindeiro martes, 14 de xullo, de 11 a 13 horas no salón de actos da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. Coordinada por Ramón Villares, tratará sobre "A imaxe dos galegos no exterior" e nela participarán María Rosa Lojo, Elías Torres Feijó e Jean-François Botrel. Analizar a percepción no que respecta á construción do denominado imaxinario social galego no exterior é o obxectivo principal desta mesa redonda. Con este motivo os diferentes partipantes expoñerán a súa perspectiva principalmente dende o punto de vista literario e en marcos xeográficos distintos.

O xoves, 16 de xullo, o Consello organiza a mesa redonda "Internet como plataforma de creación e difusión da cultura galega", coordinada por Manuel Gago. Será a partir das once do mediodía na Facultade de Filosofía da USC e Juan Freire, Estíbaliz Espinosa, Chiu Longina e Xosé Pereira serán os intervintes. Neste debate explorarase en que medida a rede está a ser un espazo de creación e difusión para a nosa cultura e cara a onde imos na creación dunha cultura dixital(izada).

Xa o venres 17 de xullo, no paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña, debaterase sobre "Proxección exterior de Galicia: a marca-país", nunha mesa redonda coordinada por Fernando González Laxe na que participarán José Cabanelas Omil e Javier Noya. A hora de inicio está prevista para as doce e cuarto do mediodía. Esta mesa redonda trata de definir as debilidades, as ameazas, as fortalezas e as oportunidades de Galicia, así como fixar aquelas bases para formular hipóteses que definan a marca-país co obxectivo de identificar as posibilidades de determinar unha imaxe de marca.


Neste congreso internacional, cuxo programa completo pode consultarse na páxina web da Asociación Internacional de Estudos Galegos, está previsto que participen arredor de 200 relatores, que reflexionarán sobre “Galicia nos contextos globais”. É a primeira vez que a AIEG celebra un congreso en Galicia desde que se puxo en marcha no comezo da década dos anos 80.