----

Os Consellos de Cultura de Galicia, Valencia, Catalunya e Euskadi reflexionan sobre os modelos organizativos e subliñan a centralidade da Cultura

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2009.- A necesidade de pensar novos modelos organizativos e de funcionamento e, ao tempo, deseñar e propoñer novas políticas culturais na idea da centralidade é unha das conclusións subliñadas por Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, ao final do foro de debate que hoxe reuniu en Compostela aos representantes dos Consellos da Cultura de Valencia, Catalunya e Euskadi. As sesións do foro “Os Consellos da Cultura en perspectiva comparada” contaron cos relatorios de Ferrán Mascarell, Ramón Lapiedra e Ramón Zallo e coa presenza e a participación duns trinta expertos na materia, directa ou indirectamente relacionados co Consello da Cultura Galega.




Ferrán Mascarell falou do “Consell Nacional de la Cultura i de les Arts de Catalunya”, organismo asesor e consultivo, pero que conta tamén con algunhas funcións executivas.
Ramón Lapiedra explicou as carácterísticas do “Consell Valenciá de Cultura da Generalitat  Valenciana”, órgano asesor e consultivo.
Ramón Zallo detallou as “Estructuras institucionais da Cultura no País Vasco” con especial referencia ao Consejo Vasco de Cultura e as súas dimensións executivas nun modelo de gobernanza integrado no Departamento de Cultura do Goberno Vasco.

Os modelos son distintos entre si e difiren tamén do Consello da Cultura Galega, institución de carácter asesor e consultivo, independente dos poderes públicos. Esas diferenzas teñen que ver co feito de que foron pensados e creados en momentos diferentes. Nos casos de Galicia, particularmente, e de Valencia, na fase inicial da Autonomía. Nos de Catalunya e Euskadi cando xa se cubrira un amplo tramo da experiencia do autogoberno.

“Coas experiencias coñecidas, afirmou Ramón Villares, estamos diante de propostas diferentes e non casables, pero que nos permiten coñecer e testar outros modos de facer, ao tempo que constatamos a dificultade de unir o carácter asesor e consultivo coas funcións executivas”.

No foro, celebrado en sesións se mañá e tarde na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, os relatores insistiron na importancia da idea da centralidade da cultura e na necesidade de avanzar na mellor articulación do sector cultural e acometer, por exemplo, accións de carácter prospectivo e o deseño de novas politicas públicas. Ábrense, pois, novas perspectivas para a reflexión e o debate no Consello da Cultura Galega e o foro celebrado hoxe terá continuidade noutros debates e reflexións abertas en materia de políticas culturais, afirmou Ramón Villares,

A algúns tramos das sesións celebradas hoxe asistiron tamén os parlamentarios galegos: Ignacio López Chaves (PP), Ana Pontón (BNG) e Francisco Cerviño (PsdeG-PSOE). Tamén departiu co Presidente do Consello da Cultura Galega e cos relatores o Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Roberto Varela Fariña.