----

O Consello da Cultura colabora na posta en marcha do futuro Museo Nacional da Inmigración en Bos Aires

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2009.- O Consello da Cultura Galega, por medio do seu Arquivo da Emigración, está a participar activamente nas actividades para a posta en marcha do Museo Nacional da Inmigración, promovido polo goberno arxentino e que deberá inaugurarse en 2010 no edificio do antigo Hotel de Inmigrantes da cidade de Bós Aires.



Nese programa de traballo o profesor Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago e membro da Comisión Técnica do Arquivo da Emigración Galega, participou os días 2 e 3 de marzo en Bós Aires nunha xornada de debate sobre o proxecto, coordinada polo profesor Fenrnado Devoto, da Universidade de Bós Aires.

Na sesión inteviron historiadores da inmigración, museólogos e técnicos da Dirección Xeral de Migracións da Arxentina e membros do consello asesor internacional, entre eles X. M. Núñez Seixas, Donna R. Gabaccia (Minnesota), Paola Corti (Turín) e Ana María Leitao (Sao Paulo). Nesa sesión de traballo fixáronse as bases conceptuais do que será un dos grandes museos de inmigración e no que haberá tamén unha salientable presenza temática da emigración galega.

Por outra parte, o profesor X. M. Núñez Seixas participou o día 5 de marzo en Sao Paulo (Brasil) na inauguración da exposición “Memoria gráfica da emigración española”, na sede do Instituto Cervantes, e pronunciou conferencias nesa institución e na universidade paulista.