Craig Patterson, presidente da Asociación Intrernacional de Estudos Galegos (AIEG), agradeceu a colaboración do Consello da Cultura Galega, que organizará catro das sete conferencias plenarias e subliñou a vocación multidisciplinar dunha asociación que leva tres décadas de estudos e investigacións sobre diferentes aspectos da realidade de Galicia e conta con 150 socios. Referiuse á estrutura do congreso con paneis, relatorios e conferencias plenarias e á procedencia dos relatores desde Estados Unidos e Arxentina a Escocia, España, Galicia, Rusia ou Polonia. Agradeceu as colaboracións do Instituto Cervantes, a Embaixada de España, os Centros de Estudos Galegos de Oxford, Birmingham e Cork (Irlanda), o Grupo de Investigación “Rosalía de Castro” e a Asamblea Nacional de Gales.
Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, salientou a importancia do traballo desenvolvido pola AIEG ao longo de trinta anos e a vontade da institución de seguir colaborando no desenvolvemento dos seus traballos. Aludiu aos obxectivos compartidos co CCG, nomeadamente na proxección exterior da cultura galega e nos enfoques multidisciplinares dos programas e dos congresos, celebrados todos fóra de Galicia, agás o IX que en 2009 tivo lugar en Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.
Máis información sobre a AIEG e o congreso en:
http://www.estudosgalegos.org
Para contactar:
estudosgalegos@gmail.com


