----

O X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos reúne en Cardiff-Gales a 125 galicianistas en colaboración co Consello da Cultura

A Universidade de Cardiff, capital de Gales, acolle do 12 ao 14 de setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) baixo o título “Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos”. Participarán 125 expertos galicianistas e relatores, entre os que figurarán expertos do Consello da Cultura Galega, institución que alberga a sede da AIEG e que colabora activamente no encontro, organizando catro das sete conferencias plenarias.

O congreso abrirase co relatorio de David Mackenzie, da Universidade de Cork, Galicia: un enigma histórico? As restantes conferencias principais serán ofrecidas por Xurxo Mariño (A cultura científica: estratexias de comunicación e de integración), Manuel Gago (A conformación dun territorio dixital. Recursos e servizos culturais galegos en Internet), Rosario Álvarez (Lingua galega: entre a identidade e a mundialización), Chus Pato (O texto como resistencia, corpo e ruína: a tradución e o poema), Luís Costa Vázquez (Da corredoira á Internet: a identidade da música galega diante da globalización) e Helena González (Habitar, ocupar, transitar. Prácticas literarias e escritoras na era dixital).

Haberá tamén sesións plenarias dedicadas a fonética e oralidade (coordinada por Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira); á produción editorial durante o Franquismo (Carme Fernández Pérez-Sanjulián); ás escrituras e voces da cidade (Carmen Mejía Ruiz); á Memoria histórica (John Thompson); aos novos estudos rosalianos (Anxo Angueira); ou á narrativa de Rosalía de Castro (coordinada por Kathleen March).

O congreso acolle asemade a celebración o Obradoiro de Estudos Rosalianos os días 13 e 14 de setembro, coordinado por María do Cebreiro Rábade, coa participación de Anxo Angueira, Helena Miguélez Carballeira, María Xesús Lama, Kathleen March ou Olga Castro, que moderarán unha serie de mesas de debate sobre a obra da fundacional poeta galega.

PROXECCIÓN EXTERIOR DA CULTURA GALEGA

Na presentación do congreso, celebrada o pasado 4 de xullo na Biblioteca do CCG, participaron Rosario Álvarez, vicepresidenta da institución, e Craig Patterson e Elisa Fernández Rei, presidente e tesoureira, respectivamente da AIEG.
Craig Patterson agradeceu a colaboración do Consello da Cultura Galega e subliñou a vocación multidisciplinar dunha asociación que leva tres décadas de estudos e investigacións sobre diferentes aspectos da realidade de Galicia e conta con 150 socios. Referiuse á estrutura do congreso con paneis, relatorios e conferencias plenarias e á procedencia dos relatores desde Estados Unidos e Arxentina a Escocia, España, Galicia, Rusia ou Polonia. Agradeceu as colaboracións do Instituto Cervantes, a Embaixada de España, os Centros de Estudos Galegos de Oxford, Birmingham e Cork (Irlanda), o Grupo de Investigación “Rosalía de Castro” e a Asamblea Nacional de Gales.

Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, salientou a importancia do traballo desenvolvido pola AIEG ao longo de trinta anos e a vontade da institución de seguir colaborando no desenvolvemento dos seus traballos. Aludiu aos obxectivos compartidos co CCG, nomeadamente na proxección exterior da cultura galega e nos enfoques multidisciplinares dos programas e dos congresos, celebrados todos fóra de Galicia, agás o IX que en 2009 tivo lugar en Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

Máis información sobre a AIEG e o congreso en:
http://www.estudosgalegos.org
Para contactar:
estudosgalegos@gmail.com