A revista ESTUDOS MIGRATORIOS, creada en 1992, será coeditada dende agora polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago


Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2009.- “Estudos Migratorios. Revista galega de análise das migracións”, de periodicidade semestral, será coeditada dende agora polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago. A nova xeira permititrá continuar e reforzar o proxecto iniciado en 1992 desde o Arquivo da Emigración Galega. Así o destacaron o Presidente do CCG, Ramón Villares; o vicerrector de cultura e publicacións da USC, Elías Torres Feijóo, e o profesor e historiador Xosé Manoel Núñez Seixas, membro do Arquivo da Emigración.





  

Ramón Villares salientou a importancia da revista e o seu recoñecemento científico e considerou moi importante a colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela “porque reforzará o seu respaldo académico e científico”.



O vicerrector Elías Torres afirmou que a USC e o seu servicio de publicacións gañaban coa incorporación dunha revista “que cumpre items de cualidade internacional”.


Xosé Manuel Núñez Seixas, que fai funcións de secretario de redacción da revista xunto coa profesora Pilar Cagiao, subraiou a “perspectiva interdisciplinaria e plural” que ven mantendo a publicación e o traballo do Arquivo da Emigración Galega. Así o indican, dixo, os 16 números publicados polo Consello da Cultura Galega desde 1992.



  O anuncio da coedición da revista “Estudos Migratorios” coincidiu coa publicación do número monográfico “Gallegos e tanos” dedicado ás XORNADAS SOBRE MIGRACIÓNS ITALIANAS E ESPAÑOLAS A ARXENTINA (1830-1930) celebradas no Consello da Cultura Galega en 2002. O volume, que consta de 318 páxinas e agrupa traballos de doce investigadores e expertos na materia, rende homenaxe a Alexandre Vázquez González, profesor da Universidade de Vigo e coordinador da edición, falecido cando os textos estaban no prelo.