----

Primeiros pasos do convenio entre a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega e o Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona

O seminario "Novel•la criminal i gènere a Galícia", coordinado por María Xesús Lama (Universitat de Barcelona) e Elena Losada (Centre Dona i Literatura), celebrado na Facultade de Filoloxía da Universitat de Barcelona, foi a primeira iniciativa desenvolvida ó abeiro do convenio de colaboración asinado este ano entre a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centre Dona i Literatura. Nas sesións participaron María Xosé Agra, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora da Comisión de Igualdade do CCG, Shelley Godsland (Universidade de Birmingham), a escritora Laura Caaveiro e María Xesús Lama. A importancia do convenio, e a atención dispensada dende hai anos na Universitat de Barcelona aos estudos galegos foi subliñada por Marta Segarra, Monserrat Gatell, María Xosé Agra e Elena Losada, por esa orde na imaxe.

Primeiros pasos do convenio entre a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega e o Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona

Montserrat Gatell, presidenta do Institut Català de les Dones (Generalitat de Catalunya), defendeu a importancia de desenvolver todo tipo de iniciativas que sirvan para poñer en contacto dúas culturas con características compartidas, en particular a cultura catalá e a galega. Amosou o seu interese por coñecer as actividades que se desenvolvan baixo este convenio e, se lle for posíbel, participar nelas.

María Xosé Agra, coordinadora da Comisión de Igualdade, comunicou a interese do Consello da Cultura Galega por manter este vínculo estábel que fomente a investigación nos estudos de xénero en Galicia e adiantou que xa se está a preparar o vindeiro seminario, en 2013, arredor de Rosalía de Castro.

Marta Segarra, directora do Centre Dona i Literatura (Universitat de Barcelona), dixo que este convenio non viña máis que a ratificar a presenza dunha das liñas de investigación do Centre, xa que os estudos galegos están presentes desde hai moitos anos nas actividades (http://www.ub.edu/cdona) e publicacións do Centre Dona i Literatura, e anunciou a inminente aparición dun libro editado na colección "Mujeres y Culturas", colección do Centre Dona i Literatura en Icaria Editorial (Helena González Fernández e María do Cebreiro Rábade Villar, editoras, “Canon y subversión. La obra narrativa de Rosalía de Castro”, que recolle as intervencións no seminario celebrado en 2011 sobre Rosalía de Castro, coa participación de investigadoras das universidades de Compostela, Barcelona, Bangor e Huelva e que será, a partir de agora, un libro de referencia nos estudos rosalianos).

Elena Losada, directora do Departament de Filologia Romànica, profesora de Estudis Gallecs i Portuguesos e investigadora do Centre Dona i Literatura, fixo unha defensa dos estudos de galego no marco dos estudos ibéricos e salientou que este seminario fora antecedido por outros sobre a narrativa policial nas literaturas catalá e vasca.