Biografía
João de Melo naceu na illa de San Miguel, nas Azores, en 1949. Licenciado en Filoloxía Románica na Faculdade de Letras de Lisboa, foi docente no ensino secundario durante varios anos e deu clases de Literatura Portuguesa e Francesa, Teoría literaria e Escritura creativa en varias universidades de Lisboa.
Como escritor, ten publicado unha vintena de obras de distintos xéneros (ficción, poesía, libros de viaxe, antoloxías, etc.), pero a súa faceta máis coñecida en Portugal e no estranxeiro é a de novelista. Obtivo varios premios literarios nacionais e internacionais, como o Gran Premio da Asociación Portuguesa de Escritores, Premio Cidade de Lisboa Eça de Queiros, Premio Internacional Cristóbal Colón e o Premio Fernando Namora, entre outros.
Obras principais
En novela, destacan A Memória de Ver Matar e Morrer, O Meu Mundo Não é Deste Reino, Autópsia de Um Mar em Ruínas e Gente Feliz com Lágrimas. En conto, Histórias da Resistência, Entre Pássaro e Anjo, As Manhãs Rosadas, Crónica do Princípio e da Água, Um olhar Português (no volume colectivo) e Bem-Aventuranças. Da súa obra poética sinalaremos Navegação da Terra e da súa produción como ensaista A Produção Literária Açoriana nos Últimos 10 Anos, Toda e Qualquer Escrita e Há ou não Uma Literatura Açoriana?. Por último destacar as súas antoloxías Antologia Panorâmica do Conto Açoriano, Os Anos da Guerra e a Antologia do Conto Português.

