Alfonso Zulueta destacaba na presentación que se trata dun congreso internacional "sumamente ambicioso e importante" no que participarán relevantes figuras de Galicia e Irlanda, dende profesores irlandeses como Patrick O´Flanagan, estudoso da xeografía histórica de Galicia, até políticos como Xosé Manuel Beiras.
Os organizadores do evento salientan o feito de que no novo marco da Unión Europea empezan a recoñecerse elementos de identidade común entre territorios e espazos culturais aparentemente distantes e diversos, como é o caso de Galicia e Irlanda, que comparten un amplo abano de características históricas e xeográficas comúns. Como sinala o historiados Ramón Villares, "Irlanda sempre foi para Galicia un referente, un patrón que imitar moito máis invocado que seguido ó longo dos anos". Se no pasado foi un patrón de carácter máis ben cultural, na actualidade pasou a ser un modelo de desenvolvemento económico.
Para pór en común estas semellanzas e diverxencias, o Congreso celebrará sete bloques temáticos no que se abordará en cada caso de man de varios expertos irlandeses e galegos, as relacións históricas Galicia-Irlanda desde a antigüidade, o asentamento, a sociedade e a economía dos dous territorios, a evolución do mundo rural, o nacionalismo e a construcción nacional, a emigración, a industrialización tardía e a lingua, literatura e relacións culturais. A intención é estudar desde as relacións históricas enraizadas na lenda sobre o común tronco céltico até as actuais relacións derivadas da explotación dos recursos pesqueiros, sen esquecer feitos como a emigración irlandesa a Galicia no século XVII.
O triplo obxectivo que se propón este congreso é alentar as relacións entre os investigadores e as súas institucións, propiciar os estudos comparativos sobre bases sólidas e facilitar o coñecemento recíproco de dúas culturas e sociedades con moitos elementos en comúns.
O acto de inauguración terá lugar o mércores 21 de abril ás 18:00 horas e contará coa presencia das principais autoridades políticas da Comunidade, así como do embaixador de Irlanda en España. As conferencias inaugurais correrán a cargo dos organizadores do encontro: Patrick O´Flanagan, do Departamento de Xeografía da Universidade de Cork, falará sobre "Irlanda, Galicia, Ibérica Atlántica e Europa Atlántica" e Lourenzo Fernández Prieto, do Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago, exporá "Irlanda-Galicia: dúas traxectorias históricas parellas".
Trátase, como sinala Ramón Villares, do primeiro encontro que se celebra en Galicia para abordar as semellanzas entre os dous territorios dun xeito tan ambicioso e no que participan, tanto como conferenciantes como como organizadores, institucións de Galicia e Irlanda.
Os interesados en asistir ao Congreso poden inscribirse até o 19 de abril no Consello da Cultura Galega.

