Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2008.- O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, viaxou a Bos Aires, onde esta semana ten previsto pronunciar dúas conferencias e inaugurar no Centro Galicia a exposición "Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración". Manterá tamén encontros e entrevistas sobre temas e estudos migratorios e outras actividades do Arquivo da Emigración Galega.
O Presidente do Consello da Cultura Galega falará o xoves, día 13 no Centro Galicia de Bos Aires (Arxentina) sobre “O legado da emigración e a súa importancia para Galicia”.
O venres, día 14, Ramón Villares, presentará na sede da Federación de Sociedades Galegas dúas publicacións editadas polo Consello en homenaxe á memoria do ilustre galeguista e republicano Ramón Suárez Picallo. Trátase do libro e CD “Unha voz galega no exilio”, número 22 da colección “As nosas voces”, que reúne pasaxes de once conferencias pronunciadas polo brillante orador en Bos Aires entre 1959 e 1964, e do libro “Escolma de textos en galego”, que agrupa artigos xornalísticos, cartas e poemas. Para estas iniciativas editoriais o CCG contou coa colaboración do Concello de Sada (A Coruña), de onde era natural Ramón Suárez Picallo e a onde foron trasladados os seus restos hai un mes.
O sábado, día 15, Ramón Villares inaugurará no Centro Galicia a exposición “Nós mesmos. Asociacionismo Galego na Emigración”, unha mostra itinerante, promovida polo Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración, que resume en 62 paneis verbo-icónicos mais dun século de historia do asociacionismo e a capacidade autoorganizadora da emigración galega. Con anterioridade a mostra puido verse en Lisboa e Sevilla.
O Presidente do Consello da Cultura Galega aproveitará tamén esta viaxe a Arxentina para manter un encontro no Instituto Histórico da cidade de Bos Aires e entrevistarse con Carina Frid e Fernando Devoto, responsables de Estudios Migratorios da Universidade de Rosario e do Instituto Ravignani da Universidade de Bos Aires, respectivamente.
Ramón Villares viaxou a Arxentina acompañado polo xerente da institución, Marcelino Fernández Santiago, e de Emilia García López, Técnica do Arquivo da Emigración Galega.

