
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2008.- Dúas publicacións importantes para o rescate da memoria da emigración galega en Cuba e na Arxentina foron presentadas hoxe. “A Galicia antillana: Formación e destrución da identidade galega en Cuba, 1899-1968” e “Los gallegos en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa” forman parte da Colección Galicia Exterior, un proxecto da Fundación Pedro Barrié de la Maza e o Consello da Cultura Galega. No acto interviron José María Arias e Ramón Villares, Vicepresidente da Fundación Barrié e Presidente do CCG, respectivamente, xunto cos historadores e prologuistas dos libros, Pilar Cagiao Vila e Xosé Manoel Núñez Seixas.
O libro “A Galicia antillana: Formación e destrución da identidade galega en Cuba, 1899-1968”, obra de José Antonio Vidal Rodríguez, antropólogo doutor en Historia e especialista universitario en migracións, é unha achega ao periplo os emigrantes galegos en Cuba. Desde os comezos do século XIX ata 1960 uns catrocentos mil galegos escolleron Cuba como destino e participaron activamente na cida da illa. Mesmo na revolución socialista de 1959 que, entre outras cousas, borraría os sinais de identidade do colectivo galego, interviría as súas asociacións, prohibiría as súas publicacións e nacionalizaría as súas propiedades. So a partir de 1991, coincidindo coa histórica visita de Manuel Fraga, Presidente da Xunta, a Cuba puido poñerse en marcha un movemento de recuperación dese legado, no que traballou a fondo o autor do libro. Pilar Cagiao destaca as análises de Vidal Rodríguez sobre o asociacionismo como mecanismo de reforzo da identidade, pero tamén a cuantificación do movemento migratorio Galicia-Cuba, a tipoloxía dos emigrantes e o proceso de inserción na sociedade cubana. “Á utilización das fontes documentais engade o autor un uso intelixente das fontes orais procedentes das testemuñas cada vez mais escasas que, por razóns obvias relacionadas coa distancia cronolóxica existente desde que o proceso migratorio galego chegou á súa fin, se converten en imprescindibles para a recuperación da memoria histórica tanto de Galicia como de Cuba”, afirma a prologuista.
“Los gallegos en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa”, de María Rosa Lojo, Marina Guidotti e Ruy Farías, rastrea as huellas da incidencia demográfica e cultural dos galegos no imaxinario arxentino a través da prensa, o sainete ou xénero chico criollo e tamén na considerada “alta literatura”. Un itinerario revelador da tensión entre as imaxes estereotípicas ou brutalmente caricaturescas e a matizada riqueza de tantos indivíduos, presentes nos xenes e na memoria da sociedade arxentina. Como explica no prólogo o profesor Xosé Manoel Núñez Seixas, “se algo demostra o inxente corpus documental analizado polos autores é, sen dúbida, a extraordinaria forza da presenza do galego na cultura e na vida arxentina desde o século XIX”.
O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, felicitouse polo traballo dos autores na liña que impulsa desde a institución o Arquivo da Emigración Galega e agradeceu a colaboración da Fundación Barrié. Pola súa parte, José María Arias, vicepresidente da Fundación Pedro Barrié de la Maza e presidente do Banco Pastor, lembrou os xa longos e intensos compromisos de cooperación e axuda coa Galicia Exterior e subliñou a vontade de seguir nesta liña de traballo, conxuntamente co Consello da Cultura Galega, “para reivindicar o taballo e o legado de tantos miles de galegos emigrantes”.
Na presentación que se levou a cabo na Biblioteca do CCG estiveron presentes Pilar Cagiao, Ramón Villares, José Mª Arias e Xosé M. Núñez Seixas

