O obxectivo desta mostra é dar a coñecer a realidade galega no exterior e promover o diálogo con outras culturas, facendo da diferenza un valor e non unha limitación. Así, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, destaca que "o Consello da Cultura Galega asumiu a realización desta exposición por considerar necesario o diálogo coas demais culturas e por entender que este debe ser un signo distintivo da civilización do século XXI". "Teño a esperanza- sinalou o presidente- de que esta exposición, promovida con ilusionado esforzo, poida converterse nun escaparate da Galicia do futuro, desa Galicia que queremos aberta e plural nun mundo dialongante, diverso e aberto".
Na inauguración, que se celebra coincidindo co aniversario do Plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936, estarán presentes, entre outras autoridades, o presidente do CCG, o vicepresidente Ramón Castromil, o secretario, Henrique Monteagudo, o xerente, Antonio Montero, o director da exposición e coordinador da Sección de Cultura Galega no Exterior, Ramón Villares, e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro.
Os visitantes poderán achegarse un pouco máis á situación de Galicia a través dun cento de imaxes de grandes dimensións e de varios vídeos artellados ao redor de cinco bloques: "¿Onde estamos?", no que se describe a situación xeográfica, o clima e a vocación atlántica de Galicia; "¿Quen somos?", no que se amosa a historia do país, prestando especial atención á lingua e á emigración; "¿Como somos?", que aborda a relación do home co contorno, desde a natureza até as tradicións, e, por último, "¿Que facemos?", no que a partir do Camiño de Santiago explícase a situación económica, artística e musical. Por último, a exposición analiza os tópicos en torno a Galicia e os galegos que existiron ao longo da historia. E para evidencialos, nesta zona os visitantes poderán expor ante unha cámara a imaxe que tiñan de Galicia antes e despois de ver a mostra.
Para presentar Galicia nos seus múltiples aspectos aos milleiros de visitantes de diferentes nacionalidades que acudan ao Fórum, o Consello da Cultura Galega tomou como puntos de referenza no seu traballo dúas figuras que engloban a imaxe que queren transmitir de Galicia: un país con fondas tradicións pero aberta á modernidade.
Como punto de partida da mostra escolleuse a estatua do profeta Daniel situada no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, o primeiro grande sorriso da escultura medieval despois de séculos de escuridade e solemnidade. Este sorriso representa a dimensión europea da cultura galega e constitúe un dos iconos máis emblemáticos da Comunidade no exterior. Como punto de chegada, outro Daniel, Daniel Rodríguez Castelao, a figura que mellor pode representar a identidade política e artística da Galicia contemporánea, o exilio e a emigración. "Dun Daniel a outro, vai a condición de Galicia como camiño de peregrinacións, como Fisterra atlántica, como porta de Europa e porto de saída cara o ancho mundo", sinala Villares.
DIÁLOGOS CULTURAIS
Alén da exposición, o Consello da Cultura Galega aproveitará a súa presenza no Fórum para celebrar mesas de debate con persoeiros da cultura galega e catalá. Serán os chamados "diálogos culturais", cos que se pretende, como salienta Villares, "fomentar un diálogo intercultural no que a diversidade lingüística, antropolóxica, histórica e cultural sirvan de puntos de encontro e non de ferramentas de exclusión".
"Galicia, o sorriso de Daniel" estará en Barcelona como parte do circuíto de actividades do Fórum durante tres semanas e logo comezará a súa peregrinaxe polas cidades máis importantes da Península. Durante o mes de agosto poderase ver en Santander, no marco das actividades da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, e logo continuará o seu itinerario por Madrid, Sevilla, Valencia, Bilbao, Lisboa e Porto. Un longo percorrido co que os organizadores queren presentar Galicia na súa complexidade, liberada de tópicos e propaganda, aos galegos na diáspora e sobre todo a outra moita xente que pode estar interesada en coñecer un pouco máis a Comunidade galega.

