Esta nova edición da revista Dez.eme presenta numerosas testemuñas de exiliados, así como traballos sobre inmigración, xenofobia ou as evolucións demográficas a cargo de reputados especialistas nos temas. A través das páxinas desta publicación, que se edita semestralmente, tamén se dá a coñecer o miúdo traballo de documentación, catalogación e difusión que levan adiante o Arquivo da Emigración Galega , o centro de documentación do Consello da Cultura Galega sobre a migración , e o Centro de Documentación da Emigración Española (CDEE), dependente da Fundación 1º de Mayo.
Recuperar, preservar e difundir
O Arquivo da Emigración Galega, nado en 1992 como un lugar de encontro, centro de documentación e de información para investigadores e interesados na emigración galega, colaborou activamente neste monográfico, facilitando imaxes da época e dando a coñecer os seus obxectivos como espacio de recuperación, conservación e difusión do estudio e o coñecemento sobre a temática migratoria, ademais de promover actividades e publicacións ó respecto.
Pola súa banda, o Centro de Documentación da Emigración Española depende da Fundación 1º de Mayo, unha institución sen ánimo de lucro creada pola Confederación Sindical de CC.OO que desde 1988 aborda os conflictos que afectan ós traballadores. Esta fundación leva adiante as súas actividades a través de distintas áreas de traballo, xurdindo o CDEE dunha delas. Desde 1995 este centro traballa co obxectivo fundamental de preservar a memoria e a historia da emigración española a través da creación dun arquivo especializado, favorecendo, ó mesmo tempo, o desenvolvemento de programas de investigación, congresos e estudios sobre o tema.
Neste sentido, cabe destacar que aproveitando a presencia de José Babiano Mora, do centro de Documentación de la Emigración Española, o Arquivo da Emigración Galega organizou un seminario que ofrecerá o profesor Babiano baixo o título de Emigración española a Europa durante os anos 60: resultados e perspectivas.


