Esta segunda edición do Congreso Luso-Galego reafirma o compromiso do CCG de seguir explorando as relacións comunicativas entre Galicia e Portugal. Como froito do primeiro encontro, celebrado en outubro de 2002 en Santiago de Compostela, durante a inauguración das xornadas mañá xoves presentarase a publicación das súas actas, tituladas "A investigación e o ensino do xornalismo no espazo luso-galego".
Os dous días de debate e reflexión comezarán coas conferencias inaugurais sobre "A comunicación e a cultura no espazo luso-galego. Desafíos e oportunidades", a cargo dos profesores Xosé Ramón Pousa, da Universidade de Santiago de Compostela, e de Moisés Martins, da Universidade do Minho. Seguiranlle mesas redondas e comunicacións na que participarán expertos das universidades de Santiago de Compostela, País Vasco, Minho, Porto, das universidades Autónoma de Barcelona e da Fernando Pessoa, ademais de profesionais do sector como o produtor Pancho Casal ou o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Manolo Gómez.
O encontro, coordinado por Xosé López, Jorge Pedro Sousa e Manuel Pinto, ten vocación de foro aberto no que estabelecer un debate continuado sobre o hipersector da comunicación, que presenta novos desafíos para os medios galegos e portugueses. O programa está tamén aberto á participación dos investigadores en comunicación que desexen expoñer o seu traballo e achegar novos elementos de xuízo a esta área de estudo en constante desenvolvemento.

