----

A ESCRITORA PORTUGUESA LÍDIA JORGE FALARÁ SOBRE O DESTINATARIO DA LITERATURA NO CONSELLO DA CULTURA

A escritora portuguesa Lídia Jorge será nesta ocasión a protagonista da tertulia literaria mensual que organiza a Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega. A autora pronunciará mañá xoves unha conferencia aberta ao público baixo o título "Para un destinatario ignorado", á que lle seguirá unha tertulia moderada por José Carlos Quiroga, escritor e profesor de Literatura Portuguesa da Universidade de Santiago.

Lídia Jorge (Algarve, 1946) pertence á xeración de escritores portugueses que ten afirmado nos últimos anos a literatura portuguesa como unha das máis orixinais no ámbito europeo. A súa ampla traxectoria conta con obras como O Dia dos Prodígios (1980), O Cais das Merendas (1982), Notícia da Cidade Silvestre (1984), A Costa dos Murmúrios (1988), A Última Dona (1992) , O Jardim sem Limites (1995), A Maçon (1996), Marido e Outros Contos (1997), O Vale da Paixão (1998), galardoada co Premio Jean Monet de Literatura Europea, O Vento Assobiando nas Gruas e O Belo Adormecido (2004), a súa última publicación.

Da súa relevancia nas letras portuguesas dá conta a traducción dos seus libros ás principais linguas europeas e que hoxe en día a súa obra xa é obxecto de estudo para os investigadores, existindo unha considerábel bibliografia ensaística dedicada a esta autora.

Esta conferencia e tertulia continúa o ciclo iniciado a principios de ano polo CCG e no que até o de momento participaron escritores como Suso de Toro, Xesús Alonso Montero, Urbano Tavares e Anxos Sumai e no que se abordaron temas como as novas narradoras, o libro galego ou o significado do Día das Letras Galegas. As tertulias son gravadas e posteriormente quedan a disposición do interesados en Lg3, o soportal de literatura de culturagalega.org, no enderezo http://www.culturagalega.org/lg3/

- Hora: 18:00

-Lugar: biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Pazo de Raxoi, 2º Andar