Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2008.- A exposición itinerante NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN, organizada polo Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, será inaugurada o día 27 de xuño ás 19´30 horas no Centro Galego de Lisboa, onde poderá visitarse ata o 26 de xullo. Asistirán ó acto: Ramón Villares, Presidente do CCG; Manuel Luís Rodríguez González, Secretario Xeral de Emigración; e Vicente Peña Saavedra, comisario, xunto con Pilar Cagiao, dunha mostra que poderá contemplarse nos vindeiros meses en distintas cidades americanas e europeas.
62 PANEIS VERBO-ICÓNICOS
Configurada en sete capítulos e presentada en 62 paneis verbo-icónicos, en galego e en castelán, a mostra permite un percorrido pola historia das entidades societarias fundadas polos emigrantes galegos e incorpora as imaxes e as voces dos protagonistas dese “fenómeno de integración comunitaria”, en exprexión dos comisarios. Os paneis “conxugan escenarios xeográficos, momentos cronolóxicos, así como os principais aspectos susceptibles de atención do tecido societario da Galicia exterior que, nun fértil xogo de interaccións simbólicas, o visitante poderá enriquecer coas experiencias, os coñecementos e os recordos que garda na súa bagaxe perspoal”, inidican Vicente Peña Saavedra e Pilar Cagiao. Os epígrafes dos capítulos describen o fío conductor que parte de “Onde todo comeza” (Na procura de novos horizontes) ata “Novos rumbos” (Asociacionismo en España e Europa ou Lei de Recoñecemento da Galeguidade) pasando polos presentados como: Baixo a custodia do Apóstolo. Real Congregación de Naturales y Originarios del Reino de Galicia. Madrid, 1740”; Identidades colectivas; As grandes sociedades: nacen os centros galegos; Asociacionismo local e Éxitos e fatigas.
MÁIS DUN SÉCULO DE HISTORIA
A exposición resume máis dun século de historia do asociacionismo galego na emigración, que cristalizou nos primeiros anos do século XX, particularmente en Arxentina e Cuba. “A experiencia compartida da emigración é a pedra fundante do edificio do asociacionismo. E éste é o motivo central desta exposición temática, dedicada a rastrear a particular historia da identificación e afirmación das colectividades galegas no exterior. Que o seu título sexa “Nos mesmos”, alén dun vago aceno irlandés, indica ben ás claras que o que se pretende subliñar é xustamente, esta capacidade da emigración galega para autoorganizarse nos seus lugares de destino”, afirma Ramón Villares Presidente do Consello da Cultura Galega.
Pola súa parte, Manuel Luís Rodríguez González, Secretario Xeral de Emigración, repara tamén neste valioso legado societario e lembra que Galicia conta hoxe con 413 centros espallados por catro continentes. “Semellante rede, subliña, é unha regalía da que Galicia dispón gratuitamente e que representa un enorme potencial de oportunidades. Os centros non se limitan a ser hoxe lugares de xuntanza para matar saudades: son oficinas de turismo, plataformas de promoción da cultura galega, espazos de encontro empresarial e cobren múltiples facetas de grande importancia para o desenvolvemento de Galicia”.

