A conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos en 2013 serve de pretexto para reivindicar a memoria da ilustre escritora e a vixencia da súa obra. O Consello da Cultura Galega convidou a integrantes da Asociación Galega de Compositores a crear obras que convertesen en música a palabra de Rosalía de Castro. O convite foi secundado por vinte autoras e autores que compuxeron brevísimas páxinas instrumentais dun minuto de duración para un máximo de nove instrumentos(violín, viola, violoncello, contrabaixo,frauta, óboe, clarinete, fagot e trompa) baseadas en cada un dos trinta e seis poemas de Cantares gallegos. O espectáculo Aqueles doces cantares recolle estas composicións musicais acompañadas dos poemas rosalianos interpretados por integrantes da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, baixo a dirección de Cristina Domínguez. A dirección musical é de Maximino Zumalave.
O espectáculo conta coa colaboración da Asociación Galega de Compositores, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.


