No congreso, tal e como reflicten as actas, abordáronse moi diversos temas, entre eles os usos dos medios no ensino, as confluencias entre xornalismo e literatura, a actualidade das industrias culturais ou a situación do sector audiovisual. Ademais, as comunicacións presentadas permiten recoñecer as teimas dos investigadores máis novos que navegan nas augas mestas do estudo histórico, a análise sincrónica e as proxeccións futuras do hipersector da comunicación. Todas as achegas constrúen un discurso investigador plural que nos permite afondar nas relacións comunicativas entre Galicia e Portugal, as dúas beiras do mesmo río.

