Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2010.- O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, inaugurará o 12 de outubro no Centro Gallego de México a exposición “Galicia. O sorriso de Daniel”. Promovida polo CCG para dar a coñecer no exterior a riqueza e diversidade da cultura galega a exposición completará na capital azteca un percorrido que a levou por anterioridade por Argentina, Cuba, Uruguay e Brasil. En México poderá verse durante o mes de outubro. No acto inaugural intervirá tamén o Presidente do Centro Gallego, Luís Piñeiro Gil.
A expsición “Galicia, o sorriso de Danie”l foi concebida como unha actividade de divulgación e espallamento da riqueza cultural de Galicia dirixida de forma preferente a galegos que moran fóra de Galicia ou a non galegos que teñan interese pola cultura galega. O seu fío argumental está encomendado a dúas figuras: a estatua do profeta Daniel no pórtico da Gloria da catedral compostelá e á figura de Daniel Castelao, que representa un dos máis sólidos reforzos por construír a identidade cultural e política de Galicia no século XX. O obxectivo da exposición é captar a atención do visitante sobre a condición de Galicia como unha nación-cultura dentro dun universo cultural máis amplo como é o mundo occidental.
O formato é o propio dunha exposición itinerante e o guión expositivo está estruturado en cinco bloques temáticos dedicados ao espazo físico e humano, á evolución histórica, lingüística e literaria e ámbitos de produción tradicional e á cultura nos que agroman xunto cos novos eixos económicos e institucionais sobre os que se proxecta o futuro, e finalmente, á condición de Galicia como “porto e porta”, en relación aos procesos de mestizaxe cultural dos que son representativos o Camiño de Santiago e os fluxos migratorios tan determinantes para a evolución de Galicia nos últimos séculos.

