“O Consello da Cultura Galega vai mudando sen perder a súa identidade” afirmou o presidente electo. Unha esencia que pasa por non renunciar ás funcións de alta asesoría, que se concretan na elaboración de informes e de relatorios, ao tempo que se acometen novos cambios. Desde que Ramón Villares foi elixido presidente por primeira vez no ano 2006, mudaron o 70% dos conselleiros que compoñen o Pleno. Ademais, tamén se adaptaron aos novos tempos os formatos das actividades organizadas pola institución. “Hai máis foros de debate e menos congresos, que seguen a existir igualmente, pero con outra dimensión” apuntou. Continuarase nesa liña de traballo pero levaranse a cabo novos retos.
Os retos: potenciar a rede e acción exterior
“Hai que reforzar a presenza na rede” indicou Ramon Villares. Un traballo que o CCG xa iniciou co mantemento de dúas plataformas web (consellodacultura.org e culturagalega.org) así como con proxectos concretos como a Colección Arquivos Particulares, que permitiu a dixitalización de arquivos persoais e fondos privados doados ao Consello da Cultura Galega. Un proxecto que conta hoxe en día con máis de 100 000 documentos (cartas, postais, tarxetas de visita, manifestos, apuntamentos...) de figuras senlleiras da nosa literatura e política como son Valentín Paz-Andrade, Luís Seoane, Carlos Maside, Isaac Díaz Pardo, Ramón Piñeiro ou, máis recentemente, de Lino Novás Calvo, ao que o Consello da Cultura Galega lle dedicará proximamente unhas xornadas.
Ademais, amparados polo feito de que os facsímiles de Cantares gallegos e Follas novas son as publicacións máis descargadas no web do CCG, buscarase potenciar a presenza de clásicos na rede. O máis próximo no tempo é o proxecto de difusión de Sempre en Galicia, ao coincidir co setenta aniversario da publicación da obra de Castelao. “Iniciativas que contribuirán a crear unha biblioteca de clásicos na rede” sinalou Ramón Villares.
Outra das liñas de traballo é a acción exterior, sobre a que o presidente electo incidiu en que “hai que facer un inventario do patrimonio que está no exterior e ao que hai que atender”, que se concretará na elaboración dun Plan Director do Patrimonio das comunidades galegas no exterior.
Trámites ata o seu nomeamento
No serán do xoves, Ramón Villares foi reelixido como presidente do Consello da Cultura Galega, con vinte e dous votos a favor e un en branco. Desde o momento da votación é presidente electo ata o seu nomeamento por decreto, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Segundo establece o Regulamento de Organización e funcionamento interno (Decreto 162/2008, do 10 de xullo), o presidente electo comparecerá no Parlamento cumprindo tamén o previsto no artigo 16 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas.


