A Fundação Luso-Americana para o Desenvolvimento é unha institución privada e financeiramente autónoma. Foi creada en 1985 co obxectivo de promover as relacións entre Portugal e os Estados Unidos, visando, con este intercambio, o desenvolvemento económico, social e cultural portugués.
Michael Baum, que estará esta tarde no CCG, era o director do Departamento de Ciencia Política da University of Massachusetts Dartmouth e co-chair no Iberian Study Group da Harvard University ata o seu nomeamento na FLAD.
Outras colaboracións entre o CCG e a FLAD
Este encontro insírese nunha liña de traballo conxunta con esta entidade na que o Consello da Cultura Galega leva traballando un tempo e que se concretou en varios seminarios. O primeiro tivo lugar en Faial (Azores), organizado conxuntamente pola Fundação Luso-Americana e o Consello da Cultura Galega (coa colaboración do Goberno e da Universidade dos Açores), e nel analizáronse os diferentes procesos migratorios da comunidade galega e azoriana aos Estados Unidos de América (EUA). Os emigrantes azorianos concéntranse, nomeadamente, nos Estados Unidos, mentres que os galegos se espallan por todo o continente, aínda que a súa presenza no territorio norteamericano foi singular.
A segunda cita tivo lugar en San Simón, en 2012, focalizado en aspectos de ambas as dúas comunidades emigrantes nos EUA, como a integración dos emigrantes nas sociedades de acollida, as súas relacións co mundo do exilio, a aparición e consolidación de novos medios de comunicación na diáspora, sen esquecer o papel das comunidades emigrantes na diplomacia cultural.


