----

Ramón Villares pronunciará a conferencia inaugural das actividades da representación de Galicia, cultura invitada á Feira Internacional do Libro de La Habana

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2008.- O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, pronunciará a conferencia inaugural do programa de actividades da representación de Galicia, cultura invitada na XVII Feira Internacional do Libro de La Habana. Falará o día 14 sobre o tema "Unha cultura para un país" nun acto que contará coa presenza da Conselleira de Cultura da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo, e do escritor cubano Miguel Barnet. Villares inaugurará tamén o día 13 a exposición "O sorriso de Daniel", organizada polo CCG e que actualmente pode contemplarse en Bós Aires e Lisboa.



Por outra parte, Ramón Villares xunto con Ánxela Bugallo e a Presidenta do Instituto de la Lengua y Literatura Cubana, Nuria Grégori, asinarán o día 15 un protocolo de colaboración para recuperar a documentación conservada na Sección Galega do referido instituto cubano, onde se gardan os fondos documentais do Centro Gallego de La Habana.
As actividades do Presidente do Consello da Cultura Galega forman parte do amplo programa impulsado pola Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, que inclúe a presenza do mundo editorial e de numerosos escritores, artistas e intelectuais galegos, entre os que figuran a escritora e xornalista Rosa Aneiros e o director da Editorial Galaxia e escritor, Victor Freixanes.
O programa de actividades da delegación galega, que inaugurará a Conselleira de cultura o día 13, prolongaranse ata o 24 de febreiro e ofrecerá, entre outras propostas, conferencias, mesas redondas, encontros con escritores, actuacións musicais, espectáculos de danza, contacontos e proxecións cinematográficas.