----

O Consello da Cultura acolleu unha reunión para adaptar o programa investigador Mateus DOC á realidade galega

O Consello da Cultura Galega acolleu esta mañá unha presentación do programa Mateus DOC, iniciativa do Instituto Internacional Casa Mateus dirixida a investigadores de todas as áreas científicas, coa intención de adaptar esta proposta para Galicia. Na cita estiveron presentes representantes do Instituto Internacional Casa de Mateus, a Universidade do Minho, as universidades galegas, a Fundación Barrié e o Instituto de Ciencias do Patrimonio, así como investigadores galegos que participaron en edicións anteriores do programa Mateus DOC.

A presentación desenvolvida esta mañá no Consello da Cultura Galega estaba orientada a que representantes de centros de investigacións e fundacións coñeceran da man dos seus propios organizadores a experiencia deste programa investigador que leva oito edicións en marcha. A presentación foi ben recibida polos asistentes que anunciaron a súa intención de concretar unha proposta que permita adaptar esta iniciativa á realidade galega.

Da banda galega estiveron presentes Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Juan Viaño, reitor da Universidade de Santiago; Ana José Varela, directora xeral de investimentos da Fundación Barrié; Felipe Criado, director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPT) que depende do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e Camilo Lois director do Centro de Estudos Eurorexionais (CEER). Canda a eles, tamén estiveron dous participantes deste programa, que explicaron en primeira persoa as súas particularidades e singularidades.

Da banda portuguesa, Antonio M. Cunha, reitor da Universidade do Minho, representante da Conferencia de Reitores das Universidades Portuguesas e, actualmente presidente do Instituto Internacional Casa Mateus (IICM); xunto con Teresa Albuquerque, vicepresidenta do IICM, explicaron a dinámica do programa. Ademais, inseriron esa actividade no marco da liña de traballo do IICM, asociación formada por universidades e membros privados que ten a súa sede na Casa de Mateus, e cuxo cometido é contribuír ao debate cultural e científico. Para facelo, ademais do Mateus DOC, organiza e acolle seminarios nacionais e internacionais onde científicos, artistas, escritores, políticos, economistas ou outras individualidades con fortes intereses culturais procuran dar a súa achega para o debate.

Mateus DOC
O Mateus DOC é un programa que mantén o IICM e que procura estimular o diálogo interdisciplinar entre investigadores novos de diferentes áreas, confrontándoos con temas de actualidade e interese xeral. Actualmente leva oito edicións en marcha que se desenvolven sempre no marco da Casa de Mateus (Vila Real, Portugal). Na última xuntanza, desenvolvida esta fin de semana, abordouse o tema do infinito. Adaptación, risco, sustentabilidade e representación foron algúns dos temas analizados desde a perspectiva interdisciplinar que caracteriza esta proposta.