O Consello da Cultura Galega, o CSIC e a SECS presentan a adaptación do cómic Vivir no solo

Conmemórase neste 2015 o Ano Internacional dos Solos. Unha efeméride que a Delegación da Sociedad Española de la Ciencia del Suelo (SECS) en Galicia e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) celebra coa reedición (en castelán e con novos contidos adaptados) do cómic divulgativo Vivir no solo, elaborado polo Consello da Cultura Galega. Na presentación estaban presentes Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, coordinador institucional do CSIC en Galicia; Montserrat Díaz Raviña, presidenta da Delegación da SECS en Galicia; María Antón Vilasánchez, concelleira de Cultura de Santiago; así como os autores do cómic: Marilar Aleixandre como escritora, Fran Bueno como ilustrador e Francisco Díaz-Fierros como asesor pero tamén como vicepresidente do Consello da Cultura Galega.

“No ano 2000 o Consello da Cultura Galega lanzou o cómic Vivir no solo e agora, no marco desta conmemoración, desde a Delegación da SECS en Galicia e o CSIC adaptamos e reeditamos este cómic para a súa difusión a nivel nacional”, explica Montserrat Díaz Raviña, científica do CSIC no Instituto de Investigaciones Agrobiológicas de Galicia e presidenta da Delegación Territorial da SECS en Galicia.

A versión en español editouse no marco de “Ciudad Ciencia” (www.ciudadciencia.es), un proxecto de divulgación científica posto en marcha polo CSIC e a Obra Social “la Caixa” en colaboración con máis de 30 localidades de toda España para achegar a actualidade científica e técnica á sociedade. Os 6000 exemplares distribuiranse entre os mozos dos municipios adscritos ao proxecto, entre os que está a localidade pontevedresa Cangas do Morrazo. Ademais, este material está dispoñible nos webs das institucións que participaron na iniciativa.

O cómic, que consta de 20 páxinas, ten como protagonistas, por unha parte, uns mozos que viven nunha vila onde se dan diferentes problemáticas relacionadas co uso do solo e, por outra parte, os seres vivos que viven nel.

O vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, lembrou que esta institución “desde a súa fundación considerou a ciencia como parte da cultura e ensaiou varias fórmulas destinadas a incorporar a ciencia dentro da bagaxe cultural da cidadanía”. No que ten que ver co público infantil, Díaz-Fierros apuntou que se pensou nos cómics como maneira directa e popular de chegar aos máis pequenos. “A idea partía dun asesoramento científico, ao que se lle xuntaba unha escritora especializada en literatura infantil e un recoñecido debuxante para darlle forma. Con estas premisas editáronse catro cómics: O sabor das mazás, Parando a marea negra, De quen é a auga e o que hoxe presentamos actualizado, Vivir no solo, que foi o que tivo unha maior difusión” apuntou.

“A través das súas historias coñeceremos o valor do solo e a necesidade de protexer este recurso, fundamental para asegurar a vida do home e o mantemento dos ecosistemas”, destaca María Pilar Jiménez Aleixandre, responsable do guión.

Na realización do cómic participaron tamén María Teresa Barral Silva e Francisco Díaz-Fierros como responsables da documentación e asesoramento así como Fran Bueno, que fixo as ilustracións.
“Contamos cun material divulgativo de primeiro nivel para facer fincapé no valor do solo e concienciar desde as idades máis temperás acerca da importancia da súa conservación e mantemento”, destaca Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, coordinador institucional do CSIC en Galicia.

O Concello de Santiago de Compostela sumouse a esta iniciativa sobre o solo cunha tiraxe de 2000 exemplares da versión en galego Vivir no solo, para a súa distribución en centros de ensino e bibliotecas escolares de Galicia.

Descarga as dúas edicións do cómic: a de 2000 Vivir no solo e a de 2015