O descenso de consumo de bens e servizos culturais amosa unha tendencia á baixa desde o ano 2008. Un comportamento semellante ao que acontece no resto de España. En 2006, ano de inicio desta serie, o consumo no conxunto de España situábase nos 748,2 euros por fogar, que en 2013 se converteu en 673,3 euros. Aínda que en Galicia o descenso do gasto é porcentualmente menor que no conxunto de España, 19,4% fronte a un 21,1%, as cifras na nosa comunidade continúan a ser máis baixas. En 2013, os fogares galegos gastaron un 16,3% menos que os españois, que se corresponde con 110 euros.
Detalle do gasto das familias
O Documento de Traballo fai unha análise sobre qué bens e servizos culturais concentran os 563,3 euros. Case a metade do gasto das familias, un 44%, é para a compra de equipos audiovisuais de tratamento de información e Internet. Un comportamento análogo ao que acontece na media española.
A principal diferenza na distribución do gasto cultural entre Galicia e España está na compra de libros e publicacións periódicas, onde os galegos destinan unha media de tres euros por riba da española, un total de 117,3 euros. Os fogares galegos destinaron en 2013 á asistencia a espectáculos, que inclúe cines, teatros, óperas, concertos, ballets e outros acontecementos musicais, unha media de 177,1 euros, 51 menos que en 2008, o que concentra o maior recorte. En cifras absolutas, neste subgrupo, en 2007 gastáronse en Galicia 73,8 millóns, que en 2013 pasaron a ser 39 millóns.
O gasto no seu conxunto
Segundo as conclusións do Documento de Traballo, “este descenso do gasto en cultura enmárcase nun contexto de diminución xeral do gasto, que só aumenta en partidas de primeira necesidade como vivenda, auga e electricidade, ensino e saúde”. O gasto en ocio e cultura supón un 4,7% do gasto total e é a partida cun maior descenso do gasto nos últimos anos, só por detrás dos transportes.
O OCG contabiliza outras variables para explicar o descenso do gasto cultural das familias, como son os indicadores de ingresos medios por fogar. Segundo os datos da Enquisa de Presupostos Familiares, os ingresos descenderon un 7,3%. A isto engádeselle que o índice de confianza no consumidor (ICC) segue a ser negativo, aínda que mellorou entre o período que corresponde entre 2010 e 2014. Por último, o IPC en Galicia tamén revela que o prezo dos libros e da prensa, xunto co gasto en servizos medrou, mentres que, pola contra, baixou o dos equipos e soportes audiovisuais, fotográficos e informáticos.
A actividade do Observatorio da Cultura Galega
O Observatorio da Cultura Galega (OCG) é un servizo dependente do Consello da Cultura Galega que pretende encher o baleiro de información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recolleita de información. A produción fundamental do Observatorio é a información estatística, aínda que entre as súas funcións está a redacción de Documentos de Traballo de tipo cualitativo e avaliativo (OCG-DT). Todos os resultados teñen como fin último contribuír ao desenvolvemento de políticas culturais sobre unha evidencia empírica.
Para a elaboración do presente Documento de Traballo, o Observatorio consultou cifras da Enquisa de Presupostos Familiares elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Consulta o Documento de Traballo


