----

O Consello da Cultura participa no XI congreso da Asociación de Estudos Galegos que comeza mañá en Arxentina

Mañá arrinca en Bos Aires a undécima edición do congreso anual da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG). Nesta ocasión céntrase en analizar como a globalización muda as identidades nas fronteiras, na emigración e no exilio. O Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe coa organización de dous ciclos de diálogos: un sobre o papel de Bos Aires como capital cultural galega e outro sobre o asociacionismo étnico e a identidade.

A contribución do Consello da Cultura Galega no programa desta undécima edición concéntrase na sesión do luns 6 de abril coa organización de dous ciclos. O primeiro deles terá lugar pola maña, no Teatro Castelao, coordinado por Víctor Freixanes e titulada “Buenos Aires, capital da cultura galega”. Silvia Dolinko, do Conicet-UBA-IDAES/UNSAM; Norberto Pablo Cirio, do Instituto Nacional de Musicología "Carlos Vega”, e Luis Cortese, do Instituto Histórico de Buenos Aires, ofrecerán diferentes puntos de vista sobre o papel que a cidade porteña desenvolveu na cultura galega no pasado e no presente.

Xa pola tarde, o auditorio do Instituto Galego-Arxentino Santiago Apóstol acollerá o outro ciclo programado. Baixo o título de “Asociacionismo étnico e identidade”, Marcelino X. Fernandez Santiago coordina unha mesa en que participan os arxentinos Alejandro Fernández da Universidad Nacional de Luján e María Liliana Da Orden, da Universidad de Mar del Plata, e o uruguaio Carlos Zubillaga, da Universidad de la República. Esta cita está encamiñada a analizar o papel e as formas das sociedades que a colectividade galega desenvolveu na emigración e que perdura ata hoxe. A mesa prende destacar o importante rol desenvolvido por esas entidades en dúas direccións: dunha banda, para perpetuar a identidade galega e, da outra, para garantir a existencia dunha cultura propia diferenciada dos países de acollida.

XI Congreso da Asociación de Estudos Galegos
O principal obxectivo desta edición do congreso da AIEG é poñer sobre a mesa a apertura dos estudos galegos á análise dos fenómenos de transculturalidade e dos procesos de cambio social e cultural, tanto por medio da atención a obxectos culturais emerxentes como por medio da adopción de ferramentas de análise que favorezan as perspectivas comparadas. Ata o 8 de abril, investigadoras e investigadores chegados de distintos países afondarán en diferentes espazos de Bos Aires nas relacións interculturais e nas dinámicas de cambio social asociadas a elas, "unha constante na historia de todas as culturas" incrementada polo proceso globalizador dos últimos tempos.

A AIEG elixiu Bos Aires para esta undécima cita porque a cidade representa en si mesma diversos fenómenos de intercambio cultural e foi a cerna dunha das comunidades máis vizosas da diáspora galega.