----

A vicepresidenta do Consello da Cultura Galega participa no I Encontro Brasileiro de Estudos Galegos

Mañá comeza na Universidade Federal da Bahia (UFBA) o I Encontro Brasileiro de Estudos Galegos (I EBEG), unha cita que ten tres obxectivos: conmemorar o aniversario do Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas (CELGA), homenaxear a fundadora do Centro de Estudos Galegos na Bahia, a profesora Rosario Suárez Albán, así como intensificar o diálogo intelectual entre investigadores brasileiros e estranxeiros que se dediquen aos estudos galegos. Nesta cita, que se estende ata o mércores 15, estará presente Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega.

Rosário Suárez Albán é filla de emigrantes galegos radicados na Bahia e docente xubilada do Departamento de Letras Vernáculas da Universidade Federal da Bahia, na que traballou durante case tres décadas. Dedicou toda a súa traxectoria académica a Galicia, á súa lingua, á súa literatura e á súa cultura, destacando como expoñente máximo dos estudos galegos en terras baianas e foi a fundadora do Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas, que cumpre agora corenta anos. Foi unha gran difusora da investigación sobre diversos aspectos relacionados con Galicia, terra dos seus devanceiros, o que se deixa ver nos numerosos traballos que realizou nesta liña, con énfase nos estudos sobre o romanceiro e o cancioneiro tradicionais e sobre o desempeño lingüístico dos emigrantes galegos na Bahia.

O I Encontro Brasileiro de Estudos Galegos
No vinte aniversario da fundación do Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas terá lugar o I Encontro Brasileiro de Estudos Galegos na UFBA. Esta cita pretende intensificar o diálogo intelectual entre investigadores brasileiros e estranxeiros de diferentes universidades que se dediquen aos estudos galegos, nomeadamente, lingüística, literatura e cultura. A comisión organizadora convida a profesionais, estudantes e demais interesados nos estudos de lingüística, literatura e cultura galegas a participaren no I EBEG, nas diferentes actividades programadas.