----

Carlos Zubillaga presentou no Consello da Cultura Galega o "Anuario del Centro de Estudios Gallegos" de Montevideo



Carlos Zubillaga e Pilar Cagiao na presentación de hoxe. Foto CCG.


Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2007.- O profesor Carlos Zubillaga, director do Centro de Estudios Gallegos de Montevideo, presentou hoxe no Consello da Cultura Galega o Anuario 2007, publicación única non só na emigración galega no Uruguai, senón tamén no universo da diáspora galega. A publicación e as actividades que recolle e difunde son o resultado da colaboración entre a Facultade de Humanidades e Ciencias da Educación da Universidade da República e a Xunta de Galicia.



O Centro de Estudios Gallegos foi creado en 1996 como resultado do convenio ce cooperación entre a Universidade da República e a Dirección Xeral de Política Lingüística, hoxe Secretaría Xeral, da Xunta de Galicia, como "un ámbito de enseñanza, investigación e extensión". Dende entón ven traballando de xeito sistemático e desa acción dan conta os once anuarios publicados.
O corespondente a 2007 recolle os relatorios do Coloquio de Cultura Gallega celebrado o pasado mes de agosto en Montevideo. Entre eles figuran traballos de Pilar Cagiao (Mujeres en la inmigración gallega en Uruguay) e Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, que fala de "Transición democrática e autonomía en Galicia: uns anos decisivos".
Carlos Zubillaga referiuse ao "esforzo sostido" polos responsables do Centro de Estudios Gallegos e lembrou que esta iniciativa é debedora dos traballo e o compromiso das Asociacións arxentina e uruguaia de fillos de galegos, creadas nos primeiros anos da década dos sesenta e agradeceu a colaboración e a axuda da Xunta de Galicia.
Pola súa parte, a profesora Pilar Cagiao Vila, da Comisión Técnica do Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, agradeceu o traballo feito e, particularmente, o impulso debido a Carlos Zubillaga, "o seu activo papel en todo o relacionado con Galicia no Uruguai".