----

O Consello da Cultura Galega leva a Roma a exposición que recolle a dimensión internacional de Valle-Inclán

“Altre parole, nuove letture: Valle-Inclán tradotto [1906-1936]” (“Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido”) é o título da exposición que pretende dar conta da dimensión internacional deste escritor a través das traducións das súas obras a outras linguas. A versión en italiano da mostra inaugúrase este martes 15 de setembro na Academia de España en Roma coa presenza do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a súa comisaria, Rosario Mascato. A mostra ten especial significación xa que foi o último destino profesional de Valle-Inclán antes da súa morte.

A exposición está formada por catorce paneis que recuperan a imaxe menos coñecida de Valle-Inclán e que permiten ver o proceso de difusión da súa obra no ámbito internacional a raíz das súas traducións. Este punto de partida permite apreciar, en palabras da comisaria, “o carácter diferencial da proposta valleinclaniana a nivel internacional, derivada fundamentalmente da súa concepción galega da vida e da arte; a relevancia da figura do intelectual comprometido que se desprende da recepción da súa figura a partir de 1915, primeiro en Francia, despois en Italia e en Rusia”.

A exposición, que estará aberta ata o 6 de outubro, ofrece unha síntese da traxectoria do escritor, divulgando a súa relación co galeguismo e as múltiples vías de intervención que utilizou na política, na cultura e na sociedade do seu tempo; pero tamén recupera unha imaxe do escritor pouco coñecida, a máis internacional, derivada tanto do interese dos seus coetáneos pola súa obra como do seu proceso de intervención na difusión desta, principalmente a través das viaxes ao estranxeiro e dos contactos con intelectuais de moi diversas orixes.

“Outros verbos-novas lecturas: Valle-Inclán traducido” exhibe en catorce paneis os múltiples lazos de Valle-Inclán co mundo saxón (Estados Unidos e Reino Unido), con Europa (Francia, Portugal e Italia), pero tamén cos países do Leste (foi moi coñecido grazas ao esforzo de diversos hispanistas que estaban nestes países). A súa obra foi traducida ao sueco, romanés, portugués, polaco, letón, italiano, islandés, inglés, húngaro, holandés, búlgaro, checo e francés.

Valle en Roma
En 1933 Valle-Inclán trasladouse a Roma para dirixir a Academia de España en Roma. Chegaba enfermo, con problemas económicos e con numerosas voces críticas polo seu nomeamento. Alí desenvolveu un traballo marcado polas continuas protestas dos pensionados e tivo unha estreita relación con algunhas figuras do mundo cultural italiano como foi Antón Giulio Braggalia. O traballo de Valle-Inclán, do que se dá conta en esta mostra, foi pouco coñecido en vida do escritor, aínda que tivo bastante notoriedade a adaptación teatral de Los cuernos de Don Friolera, que se puxo en escena moito antes que en España.

Itinerancia
A exposición, inaugurada en Santiago en 2014, chega a Roma despois de estar en Lisboa na sede do Instituto Cervantes e en Madrid, na Residencia de Estudantes.

Consulta o catálogo