----

O concepto migracións centrou o primeiro encontro Mateus DOC celebrado en Galicia

Mateus DOC é un exitoso programa que busca estimular o diálogo interdisciplinar entre investigadores novos que reflexionan arredor dun tema. Esta cita, organizada polo portugués Instituto Internacional Casa Mateus (IICM), tivo lugar esta fin de semana en Santiago. É a primeira vez que se realiza fóra de Portugal e foi posible grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega. Esta edición pretendeu servir de reflexión sobre o concepto de Migración.

Durante dous días 10 investigadores discutiron na Casa de Europa (Santiago de Compostela) cuestións comúns ao tema das Migracións, facendo converxer perspectivas e puntos de vista de diversas disciplinas.

A primeira edición en Galicia
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e Antonio M. Cunha, actualmente presidente do Instituto Internacional Casa Mateus (IICM) e reitor da Universidade do Minho, destacaron o valor de trasladar a Galicia este encontro. “Mateus DOC naceu coa reflexión sobre o concepto de adaptación e cumprimos xa a novena edición falando de migracións nunha terra que se caracteriza pola súa continua adaptación”, dixo Villares na súa intervención, despois de amosar a súa satisfacción de que a primeira saída de Portugal da proposta fose en Galicia e na que o CCG leva traballando desde o ano 2014. “Creo que é unha rede xa non só de traballo senón tamén de afectos e de emocións cun territorio co que compartimos unha irmandade cultural”, apuntou. Foi Teresa Albuquerque, vicepresidenta do IICM, xunto con Daniel Landero os que deron a benvida deste programa que abre unha nova liña de traballo que consiste en realizar o Mateus DOC fóra do seu lugar de orixe nas vindeiras edicións.

O encontro, aberto pola conferencia de Gonçalo Matías, estivo dividido en sesións en que se abordaron diferentes perspectivas. A primeira delas chamouse “Migracións político-xurídicas do concepto de migración”; a segunda, “Fluxos laminares”; a terceira centrouse nas “Redes e canais de comunicación”, e a última titulouse "De fóra para dentro e de dentro para fóra". Finalmente, o investigador e xenetista Ángel Carracedo foi o encargado de pechar o encontro cunha conferencia que puxo de manifesto a importancia da xenética no estudo dos movementos migratorios. Os “papers” presentados a esta proposta así como os resultados dos debates serán publicados nun formato análogo ao que vén realizando o Mateus-DOC nas oito convocatorias xa realizadas.

Mateus DOC
O Mateus DOC é un programa que mantén o IICM e que procura estimular o diálogo interdisciplinar entre investigadores novos de diferentes áreas, confrontándoos con temas de actualidade e interese xeral. Actualmente leva oito edicións en marcha, que se desenvolven sempre no marco da Casa de Mateus (Vila Real, Portugal). Adaptación, risco, sustentabilidade, representación e infinito foron algúns dos temas analizados desde a perspectiva poliédrica que caracteriza esta proposta.
Esta actividade insírese dentro da liña de traballo do IICM, asociación formada por universidades e membros privados que ten a súa sede na Casa de Mateus, e cuxa función é contribuír ao debate cultural e científico. Ademais do Mateus DOC, organiza e acolle seminarios nacionais e internacionais onde científicos, artistas, escritores, políticos, economistas ou outras personalidades con fortes intereses culturais procuran dar a súa achega para o debate.