O Consello da Cultura exporá na Feira do Libro de Göteburgo as súas últimas publicacións, así como unha mostra da cultura galega actual nun espazo compartido co Instituto Ramón Llul, co Etxepare e co Cervantes, entidades responsables de difundir a cultura vasca, catalá e española, respectivamente, alén das súas fronteiras. Neste espazo están representadas as distintas linguas do Estado grazas á colaboración entre as estas entidades e a embaixada de España en Suecia.
Alén do espazo físico, no marco do programa terán lugar unha serie de conferencias e mesas redondas. Mañá venres desenvolverase a primeira das actividades programadas, que consiste nun coloquio entre os representantes do CCG e do Instituto Etxepare. A segunda terá lugar o sábado 26 e será impartida por Dolores Vilavedra e Inma López Silva.
Acción exterior
O Consello da Cultura Galega conta cunha liña de Acción Exterior a través da que proxecta a imaxe da cultura galega fóra das nosas fronteiras. Esta área está marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras e outras institucións, entre elas a London School of Economics, pero tamén en encontros, conferencias, exposicións ou publicacións.
No marco desta área de actuación participou noutras feiras de ámbito cultural como a última edición de Líber, celebrada en Barcelona, a onde acudiu nun dobre espazo.


