Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2010.- O Consello da Cultura Galega participa en Bilbao no Encontro Internacional da Asociación Europea de Migracións (AEMI) dedicado aos “Estudos migratorios e as tecnoloxias da información e a comunicación”. Emilia García López, do Arquivo da Emigración Galega (AEG), presentou o relatorio “A dixitalización do AEG: estructura, planificación e xestión da información”.
O encontro ten lugar no Palacio Euskalduna de Bilbao coa asistencia de especialistas de Alemaña, Australia, Dinamarca, Eslovenia, Estados Unidos, Euskadi, Francia, Galicia, Irlanda, Italia, Letonia, Luxemburgo, Noruega, Polonia, Suecia e Portugal.
O Arquivo da Emigración Galega naceu como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, do Consello da Cultura Galega, e configurouse desde 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio galego.
É a primeira vez que a Asociación Europea das Migracións, creada en 1989, celebra a súa asemblea anual en Euskadi. A organización do evento corre a cargo do Goberno Vasco -membro de AEMI- a través da Dirección para os Cidadáns e as Colectividades Vascas no Exterior.

