É a segunda cita dun programa de carácter didáctico encamiñado a darlle competencias básicas ao futuro profesorado de Educación Infantil e Primaria para que poida realizar accións co alumnado en relación co uso da cidadanía cos océanos, aínda que tamén está aberta á cidadanía. Nesta ocasión, o obxectivo é coñecer outras experiencias de sustentabilidade que se están a desenvolver en países como Cabo Verde, Suecia ou Reino Unido.
A xornada do 26 de outubro
Esta segunda cita volve contar coa coordinación de María M. Álvarez Lires, profesora de didáctica das Ciencias Experimentais, que será a encargada de ofrecer as conclusións ao peche dunha xornada artellada en conferencias, actividades e obradoiros.
Os relatorios chegan da man da sueca Nora Rhätzell, catedrática de Socioloxía da Universidade de Umêa, que falará das relacións entre «traballo e natureza percibidas por sindicalistas» e que exporá o resultado de prácticas ambientais derivadas desta perspectiva. A continuación, a investigadora do Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas de Cabo Verde Elisia Silva da Cruz falará da sustentabilidade dos recursos costeiros desde a perspectiva de xénero. O último en intervir é David Uzzell, catedrático de Psicoloxía ambiental da Universidade de Surrey (Reino Unido), cun relatorio para dar resposta á seguinte pregunta «Por que algunhas persoas no queren mudar o seu comportamento, aínda que coñezan as evidencias científicas do cambio climático?».
A dimensión práctica do seminario chega con dúas sesións: «Mergúllate no Océano: un océano ácido, Otolito, que me contas?» e «A formación da oleaxe», ambas corren a cargo de persoal monitor do Campus do Mar.
Tanto a inauguración como a clausura da xornada contarán coa asistencia de Francisco Díaz-Fierros, coordinador da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega; Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do Campus de Pontevedra; Vicente Romo Pérez, decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; Emilio Fernández Suárez, director do Campus de Excelencia Internacional-Campus do Mar; María Álvarez Lires, coordinadora da xornada, e Nora Rhätzell, catedrática de Socioloxía da Universidade de Umêa (Suecia).
A Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade
A organización desta xornada de carácter didáctico entronca cunha liña de traballo recoñecida da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade quen ten por obxecto elaborar materiais e recursos didácticos en ámbitos da natureza. Dentro desa liña de traballo encádrase o proxecto Álbum da Ciencia, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegos, así como a publicación de varias bandas deseñadas como O sabor das mazás, De quen é o solo ou De quen é a auga, editadas polo Consello da Cultura Galega. Esta sección está coordinada polo profesor Francisco Díaz-Fierros.
A xornada pódese seguir en directo na seguinte ligazón



