Noticias

Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade (CCG). Rexistros1 a 11 de 11
07/10/2019

O Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Ciencias e Política Lingüística achegan a figura de Tomás Batuecas á escola

Tomás Batuecas non era galego pero todas as súas investigacións e achegas á ciencia no campo das masas atómicas fíxoas desde Galicia. Por iso, este ano é o homenaxeado co Día da Ciencia en Galicia. Os detalles da súa investigación, xunto cos datos biográficos desde un punto de vista didáctico, figuran na publicación “O químico e a medida. Tomás Batuecas Marugán. Creador da química física en Galicia” que hoxe presentaron os responsables desta iniciativa no Consello da Cultura Galega: Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Juan Manuel Lema, presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RACG); e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, mais os coautores da publicación: Manuel Bermejo e Ramón Cid.
26/06/2019

Unha publicación alerta da degradación do planeta pola acción do home

O Consello da Cultura Galega presentou esta mañá "O Antropoceno e a «Grande Aceleración»", unha publicación que analiza desde Galicia e para Galicia a situación actual do planeta a partir de dous fenómenos: o “Antropoceno”, unha nova época xeolóxica marcada pola acción do home en relación co planeta; e a “Grande Aceleración”, que fixa en 1950 o comezo do consumo exponencial dos recursos terrestres pola humanidade. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, o catedrático de Edafoloxía e tamén coordinador da publicación, Francisco Díaz-Fierros; máis a coordinadora da Sección de Ciencia, Elena Vázquez Cendón, deron a coñecer este texto que recolle as contribucións feitas por varios expertos nunha xornada homónima celebrada en Santiago en 2017, no que se alertou da necesidade de cambios.
02/04/2019

O Consello da Cultura Galega xunta mañá a expertos para coñecer os avances científicos na erradicación da velutina

Vespertina, vespa asiática, velutina…son moitas as denominacións para referirse a este insecto invasor que está a causar estragos na apicultura, ameaza o equilibrio do ecosistema e afecta á saúde das persoas. Expertos e científicos que levan tempo analizando e investigando o seu comportamento xúntanse mañá no Consello da Cultura Galega para coñecer o estado da cuestión e tentar poñer solucións enriba da mesa. A xornada, que se pode seguir en directo desde o web da institución, estará inaugurada pola presidenta, Rosario Álvarez; o presidente da FEGAMP, Alfredo Díaz e Antonio Crespo, presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.
22/11/2017

Mañá comeza no Consello da Cultura unha xornada que analiza a acción do ser humano na degradación da terra

1950 é un ano determinante para a xeoloxía. É cando se marcou o inicio dunha nova época xeolóxica coñecida como o Antropoceno. Nese ano tamén se fixa o comezo da “Grande Aceleración”. Estas dúas nocións poñen en evidencia que a acción do home ten repercusións negativas no Sistema Terra. Sobre esta problemática xira a xornada “O Antropoceno e a ‘Grande Aceleración’. Unha ollada desde Galicia”, que terá lugar mañá no Consello da Cultura Galega. A cita será inaugurada polo coordinador, Francisco Díaz Fierros e retransmitirase en directo desde o web da institución.
23/06/2017

Traducida ao galego a teoría da relatividade de Albert Einstein

Cúmprense cen anos de que un mozo Albert Einstein vise publicada unha das obras coas que revolucionou o mundo científico. Na primavera de 1917 saía do prelo “Teoría da relatividade” (Über die spezielle und die allgemeine Relativitätstheorie). Desde entón sucedéronse máis de 407 edicións e a tradución a varias linguas. Agora tamén en galego grazas ao Consello da Cultura Galega (CCG). Esta mañá o presidente da institución, Ramón Villares, canda os dous responsables da publicación, Jorge Mira e Francisco Díaz-Fierros, presentaron a edición galega que inclúe a obra revisada, a edición facsímil e dous estudos que contextualizan a obra no mundo científico e no eido galego. A obra pode descargarse de balde desde o web consellodacultura.gal.
19/04/2016

Unha xornada do Consello da Cultura aborda a situación da divulgación científica en Galicia

A sede do Consello da Cultura Galega acolle mañá mércores 20 de abril unha xornada encamiñada a dar a coñecer de xeito teórico e práctico cal é a situación da comunicación científica en Galicia. Unha cita que se desenvolve ao longo de todo o día con relatorios e conferencias e que ten unha actividade central na presentación dun informe sobre a divulgación da ciencia no noso país. A xornada está coordinada polo científico Xurxo Mariño, que tamén é un dos membros integrantes da comisión técnica que se encargou da elaboración dese documento.
23/11/2015

Unha xornada do Consello da Cultura Galega advirte da necesidade dunha cultura alimentaria saudable

Existe unha relación directa entre o consumo de carne procesada e carne roxa e o risco de cancro. Unha evidencia que chega da man de numerosos estudos realizados por diferentes entidades a nivel internacional que tamén indican que se trata dun risco baixo. O consumo moderado de carne, no marco dunha cultura alimenticia saudable e exercicio físico son algunhas das claves da prevención. Esta é a mensaxe que se repetiu ao longo da tarde no marco da xornada “Os pecados da carne?” coordinada por Anxo Carracedo e Rafael Tojo. “O problema da dieta cárnica é un asunto científico pero tamén ten que ver coa cultura alimentaria e cómpre unha reflexión sobre a realidade” apuntou Ramón Villares na inauguración dunha xornada que se abordou o tema desde a necesidade dunha difusión rigorosa ata a dieta actual.
17/11/2015

Unha xornada do Consello da Cultura Galega reflexiona sobre a dieta cárnica

O pasado mes de outubro un panel de expertos da Organización Mundial da Saúde afirmou, baseándose en estudos científicos publicados, que o consumo de carnes procesadas (embutidos, salchichas ou hamburguesas) aumenta o risco de sufrir cancro e que a carne vermella (porco, vacún…) é probablemente carcinóxena. Ante este anuncio, a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza unha xornada para falar das vantaxes e problemas da dieta cárnica. Anxo Carracedo e Rafael Tojo son os coordinadores desta cita que ten como título “Os pecados da carne?” e que se desenvolverá en Santiago o vindeiro luns 23 de novembro. A inscrición pode facerse a través do sitio web do CCG é libre e hai cen prazas.
25/10/2015

O Consello da Cultura Galega e a Universidade de Vigo organizan unha xornada para concienciar sobre a importancia dos océanos

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra acolle o vindeiro luns 26 a II edición da xornada «Bo uso e mal uso do mar». Un encontro organizado polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Vigo para concienciar a cidadanía da importancia da relación cos océanos. Investigadores de Cabo Verde, Reino Unido e Suecia ofrecerán relatorios e experiencias prácticas arredor da sustentabilidade do mundo mariño.
12/03/2015

O Consello da Cultura aborda a divulgación científica no Salón do Libro Infantil e Xuvenil

A delgada liña que separa a ciencia da ficción protagoniza a XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Unha cita á que o Consello da Cultura Galega achega o seu gran de area cunha mesa redonda que terá lugar este venres 13 co obxectivo de falar da divulgación científica. Alimarias, estrelas e clons é o título desta proposta en que participan científicos, xornalistas e divulgadores.
24/11/2014

A xornada “Bo uso e mal uso do mar” busca mellorar a relación da cidadanía co medio mariño

Os preto de 1500 quilómetros de costa que hai en Galicia evidencian a importancia que o mar ten no noso país. Conscientes desa relación, o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Vigo, a través do Campus do Mar, organizan unha xornada que pretende darlles ferramentas teóricas e prácticas aos futuros docentes para que ensinen sobre a necesidade dunha relación sustentable cos océanos. A cita chámase “Bo uso e mal uso do mar” e terá lugar mañá martes na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.