----

Mellora a asistencia ao cine en Galicia, aínda lonxe da media estatal, segundo o Observatorio da Cultura

En 2014 foron ao cine 3,6 millóns de galegos e galegas. Son 600 000 máis que no ano anterior e, aínda que a cifra é positiva, Galicia segue a ocupar o último posto en asistencia en toda España. Só o 40,5% da poboación asistiu a unha proxección cinematográfica no último ano. Son cifras do Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega (DT-OCG) titulado “O cine en Galicia 2014” e que analiza cifras de asistencia, produción e distribución así como de hábitos e prácticas culturais.

O último quinquenio deixou unha tendencia irregular para o cinema no noso país. O ano 2013 foi especialmente difícil para este sector e foi cando se rexistraron as peores cifras de recadación e asistencia. En 2014, a situación foi máis positiva con 600 0000 espectadores máis, que nos sitúa nos 3,6 millóns. Dese incremento, 500 000 espectadores acadáronse grazas ao pulo das películas españolas, aínda que as películas estranxeiras seguen a ser as preferidas da cidadanía galega. A tendencia positiva tamén se deixou notar na recadación, que subiu 1,5 millóns con respecto ao 2013. En total, recadáronse 21,3 millóns de euros (15,7 estranxeiras e 5,6 españolas). Segundo o prezo, a entrada abaratouse 0,7 céntimos de euro e queda agora en 5,9 euros, que é xusto o importe da media de España. Só Cataluña, Madrid e País Vasco teñen as entradas máis caras que Galicia.

O cine, un hábito pouco frecuente en Galicia
O Documento de Traballo fai unha análise dos datos que recollen o comportamento da cidadanía galega no que ten que ver co acto de ir ao cine. E aí a nosa comunidade non sae moi favorecida. Máis da metade da poboación confesa non ir nunca a unha sala de cine. Son o 55,6% segundo a Enquisa sobre Ocio e Hábitos Culturais, publicada polo Instituto Galego de Estatística. E o motivo de non dispor dunha sala cerca do fogar foi perdendo peso nos últimos anos. Ese mesmo inquérito expón que o hábito familiar é un referente moi influente: máis do 90% das persoas de todas as franxas de idade que asisten ao cine proveñen de familias en que os seu pais tamén van ao cine.
Outra fonte, a Encuesta de Hábitos y Prácticas Culturales en España (2014-2015) do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, destaca tres motivos: o 27,2% considera que é caro, o 26,5% non ten tempo e ao 13,1% non lle interesa. Segundo esta fonte, Galicia é a comunidade onde menos se vai ao cine de toda España, por debaixo de Ceuta, Melilla, Castela-A Mancha e Estremadura.


Da produción á distribución
O Observatorio tamén destina espazo deste DT a analizar a exhibición, a distribución e a produción. En 2014 perdéronse 3 cines e 14 salas de exhibición, o que nos deixa en 35 cines que proxectaron 471 películas, 17 máis que en 2013.
No que ten que ver coa produción e coprodución galega, no último ano estreáronse 10 longametraxes, que deixaron 244 393 espectadores e unha recadación de 1 420 036 euros. Polo demais, perdéronse 6 empresas produtoras de cine no último ano. Así, Galicia conta con 12 empresas deste tipo e unha representatividade do 4,3% no conxunto de España.

A actividade do Observatorio da Cultura Galega
O Observatorio da Cultura Galega (OCG) é un servizo dependente do Consello da Cultura Galega que pretende encher o baleiro de información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recolleita de información. A produción fundamental do Observatorio é a información estatística, aínda que entre as súas funcións está a redacción de Documentos de Traballo de tipo cualitativo e avaliativo (OCG-DT). Todos os resultados teñen como fin último contribuír ao desenvolvemento de políticas culturais sobre unha evidencia empírica.

Para a elaboración do presente Documento de Traballo, o Observatorio consultou cifras do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, concretamente de dúas fontes: a Estadística de Cinematografía: Producción, Exhibición, Distribución y Fomento e a Encuesta de Hábitos y Prácticas Culturales en España 2014-2015. Ademais, empregou o Anuario de las Artes Escénicas, Musicales y Audiovisuales 2014, que editou a SGAE, as cifras da Secretaría de Estado de Cultura e a Enquisa Estrutural dos Fogares, Ocio e Hábitos Culturais, que elabora o Instituto Galego de Estatística (IGE).


Consulta o Documento de Traballo