O orzamento do Consello da Cultura Galega para o 2016 ascende a 2 415 833 euros, 41 386 máis que en 2015 que lle permitirá ao CCG ocuparse da figura de Manuel María a través do seu tradicional Concerto das Letras Galegas e a reedición da súa obra Advento. O vindeiro ano cúmprese o centenario da creación das Irmandades, efeméride que da lugar ao inicio dun ciclo de congresos sobre este fenómeno. O programa servirá para facer unha revisión dos presupostos ideolóxicos deste movemento e materialízase nun álbum web de persoeiros, dúas exposicións e varios seminarios de carácter internacional que atenderán á relación das Irmandades co contexto español, europeo e iberoamericano. A primeira cita terá lugar en outubro, baixo a coordinación de Xosé Manuel Núñez Seixas e centrarase nas nacionalidades na Europa de entreguerras.
Un programa variado: identidade e emigración
A programación de actividades para 2016 destaca por unha concepción da cultura en sentido amplo cunha gran variedade temática. Haberá unha nova edición de propostas xa habituais do calendario como son o 16 de maio, o Concerto das Letras Galegas que abre as actividades no Día das Letras e que este ano pon o foco en Manuel María; ou o programa “No bico, un cantar” que xunta no primeiro venres de xuño poesía e mocidade. Este ano celebrarase en Cangas e versará sobre os poetas medievais galegos. Os Encontros pola Normalización Lingüística trasládanse ao mes de abril e a Comisión de Igualdade terá a súa xornada de homenaxe a unha muller destacada da cultura galega dedicada este ano a Kathleen March.
Ademais, están previstas actividades sobre a “Dieta atlántica e a cultura”, a “Publicidade en galego”, a “dobraxe cinematográfica”, o “teatro escolar” e a “cultura, creación e dereitos de autor”. A comunicación terá un protagonismo especial cun seminario sobre a cabeceira A Nosa Terra e o xornalismo en galego, outro sobre os desafíos para a cultura en rede e outro sobre os retos da comunicación cultural.
Entre outras das propostas programadas destaca a exposición Galicia 100, que representa a idea de Galicia a través de cen obxectos, que está en fase de musealización, e se inaugurarase en Santiago no mes de maio.
Proxección exterior da cultura galega
Outra das liñas de traballo nas que o Consello da Cultura Galega leva incidindo ten que ver con situar a cultura galega no mundo. Potenciarase en 2016 coa participación na Feira do Libro de Bos Aires, cunha nova edición do programa “Conversas na raia”, que este ano se centrará no aspecto músical, e a presenza na Semana da Cultura Galega en Braga.
Santiago de Compostela, acollerá en setembro a xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), un encontro que aborda a relación entre a diáspora e a identidade cultural. Ademais, no marco desta liña, haberá novos destinos para as exposicións que actualmente ten en marcha o Consello da Cultura Galega.


